O Concello de Cerdido vén de rematar as obras do espazo libre ligado á igrexa de San Xoán dos Casás, no que se mesturan zonas axardinadas e pavimentación co obxectivo de coidar e protexer o Patrimonio do municipio.
Este espazo atópase nas inmediacións da DP-2503, destacando a situación dun cruceiro, ao borde da estrada, nun lugar pouco seguro. Actualmente este elemento atópase en bo estado e conserva a totalidade dos seus elementos, polo que se realizou un desprazamento do mesmo cara unha zona máis protexida do tráfico nas proximidades da igrexa.
Executáronse, do mesmo xeito, diferentes plataformas coa intención de resolver os desniveis existentes, suxeitos ás irregularidades do terreo. A superficie tamén foi pavimentada posteriormente mediante formigón, xerando unha praza na zona noroeste do espazo.
As actuacións contaron cun orzamento de 54.159 euros, financiadas ao 80 % pola entidade provincial e un 20 % das arcas municipais.
O alcalde de Cerdido, Alberto Rey, destacou “a importancia desta obra para a protección do Patrimonio do municipio, algo que desde o noso equipo de goberno pretendemos impulsar”. “Así mesmo, melloramos unha infraestrutura municipal, facilitando o desprazamento dos veciños” engadiu o rexedor.