A titular de plans provinciais e asistencia a municipios da Deputación da Coruña, Cristina García Rey, visitou o Concello de Cariño, onde se reuniu coa alcaldesa, Ana María López Fernández, e con parte da corporación municipal.
A deputada presentou os datos do Plan Único para o municipio e para a comarca e, posteriormente, visitou unha das obras que se financiaron con este plan.
Un total de 673.688,40 € é o importe que recibe Cariño a través do Plan Único da Deputación durante este exercicio. Dos cales, 311.842,03 € corresponden ás fases iniciais e 361.846,37 € ás adicionais.
Este importe adicional permitiralle ao Concello de Cariño asumir novas obras e servizos, como a de renovación de Doutor Soneira que visitaron esta mañá a deputada e o equipo de goberno municipal ademais das xa executadas grazas a estes investimentos.
Con estes investimentos adicionais, a Deputación destinará a toda a Comarca do Ortegal (Cariño, Cerdido, Mañón e Ortigueira) un importe de 4.106.306,53 € sumando os 1.754.340,45 € iniciais e os 2.351.966,09 € adicionais. Este importe forma parte do total que a entidade provincial reparte entre os 93 concellos da provincia, que alcanza os 100,5 M€.
“O Plan Único é unha ferramenta pensada para que os concellos distribúan os fondos públicos da Deputación como consideren, en función das súas prioridades e, sobre todo, para mellorar o benestar da veciñanza” apuntou a Deputada. “Os municipios pequenos como Cariño son ademais os que máis se benefician deste plan que, en moitos casos, supón ata o 30% do seu orzamento total”.
No caso de Cariño, a alcaldesa fixo referencia á obra de Doutor Soneira, “unha actuación dirixida a poder solucionar o problema que se detectou hai anos na zona de baño debido a unhas tubaxes de pluviais que se mesturan con fecais. Esperamos que con esta actuación este problema se solucione, esta última semana achegáronse ata o noso concello os de sanidade para detectar onde se producían estas incidencias, quedando localizadas”.