Pontón e Miranda piden en Ferrol o voto para o BNG para que Galiza teña voz propia en Europa

O Bloque pelexará no Parlamento Europeo polos sectores produtivos como o naval e pola rexeneración das rías, incluída a de Ferrol

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a cabeza de lista ás eleccións europeas, Ana Miranda, cabeza de lista ás eleccións europeas, pediron o voto para o “equipo da casa”, que é o BNG, a única garantía de que Galiza teña “voz propia” en defensa dos intereses dos galegos e as galegas e de contribuír, ao mesmo tempo, á construción dunha “Europa social, dos pobos e da paz”.

Así se pronunciaron este domingo en Ferrol,no que estiveron acompañadas polo deputado Mon Fernández e polo portavoz do grupo municipal na cidade, Iván Rivas.

O BNG defende unha Europa xusta, da igualdade, unha Europa que coloque as persoas no centro, solidaria, de acollida; unha Europa feminista, que respecte a diversidade. Defendemos unha Europa antifascista, antimilitarista, que non mire para outro lado ante o xenocidio do pobo Palestino. Unha Europa da paz!”, proclamou a líder do Bloque.

Destacou, neste sentido, o dobre valor que ten a papeleta que encabeza Ana Miranda, como garantía da defensa dunha Europa máis xusta e, sobre todo, como a única que servirá para defender os intereses de Galiza “libremente e sen intermediarios” polo que, ante o moito que se xoga o País nestas elección, animou a acudir masivamente  aos colexios electorais con orgullo e ilusión para depositar nas urnas a papeleta do BNG.

Pontón reivindicou ao Bloque como a única forza política que defenderá con firmeza os intereses galegos, apoiando dende as institucións comunitarias aos sectores produtivos do País fronte a aquelas políticas da UE que limitan a capacidade de producir de Galiza, en particular no sector pesqueiro e naval, tan importantes para a comarca de Ferrolterra.

Neste sentido, recordou que PP e PSOE gobernan “man a man” e son responsables de decisións que en moitas ocasións danan os intereses de Galiza, “como se danou a Ferrolterra con ese veto á construción naval”, reprochou, para reafirmar a continuación o compromiso do BNG para seguir reivindicando o dereito da comarca a “cortar chapa e construír barcos”.

De igual xeito, tamén se referiu ao papel dunhas forzas estatais que vetan o dereito dos galegos e das galegas a ter unha AP-9 galega e libre de peaxes, así como a súa inacción “deixando esmorecer a Ría de Ferrol” ao igual que o resto de rías do País, cuxa rexeneración considerou chave para o desenvolvemento económico e social de Galiza. “Tedes o compromiso do BNG, imos dar a batalla até que vexamos unha Ría de Ferrol limpa e produtiva, xerando miles de empregos con calidade e futuro”, proclamou.

Neste sentido, Miranda recordou que foi o Bloque quen reclamou o saneamento das rías e quen levou a Bruxelas a voz das mariscadoras e os mariscadores porque “é fundamental” recuperar a produtividade do conxunto das rías galegas, incluída a de Ferrol, para cuxo saneamento pedirá a incorporación doutros concellos como o de Neda.

A cabeza de lista ás eleccións europeas tamén reafirmou o compromiso nacionalista coa renovación da infraestrutura ferroviaria do País, incluída a de Ferrol, na que fixou como obxectivo reducir os tempos a menos dunha hora e incrementar o número de frecuencias e servizos para “traer un tren europeo”, útil para os veciños e veciñas da comarca e que non sexa contaminante.

Miranda comprometeuse a seguir defendendo en Europa o dereito de Galiza a producir e desenvolver os seus sectores produtivos, incluído o naval, e, neste sentido, apostou por abrir as instalacións navais ao ámbito da construción civil.  

Só cunha voz forte en Europa seremos quen de impulsar políticas pensadas para pór o noso País a producir”, afirmou para reivindicar o papel do Bloque como a voz que fai chegar os problemas dos galegos e das galegas ás institucións comunitarias, onde se toman moitas decisións que afecta ás súas vidas e ao seu día a día.

Por iso, a candidata nacionalista concluíu animando á cidadanía a coller a papeleta do BNG o próximo 9 de xuño, unha papeleta que non só garante a firme defensa de Galiza, senón que tamén contribúe á construción dunha Europa social e a poñer freo a esa extrema dereita que quere quitar “dereitos acadados con tanta loita”.

Lea también

Detenido en Canido uno de los principales proveedores de droga a Ferrol, con 3,5 kilos de cocaina

La Policía Nacional detuvo a un hombre en Ferrol como presunto autor de un delito …