O Concello de Narón asinou un convenio con Correos y Telégrafos SA que permitirá á cidadanía pagar dende este sábado 1 de xuño, tributos ou outros ingresos de dereito público á facenda municipal mediante un xiro postal.
Así o anunciou o concelleiro de Facenda, Román Romero, que indicou que se poderá realizar a través das oficinas de Correos ou, no ámbito rural, mediante os carteiros rurais por medio de dispositivos electrónicos.
As persoas que desexen acollerse a este sistema de pago deberán ter o documento de pago emitido pola administración e poderán realizalo tanto en efectivo como mediante unha tarxeta bancaria.
O pago ten que ser pola totalidade do importe a ingresar, non contemplándose a opción de ingresos parciais.
Unha vez que se realice o persoal de Correos entregará ao usuario ou usuaria un resgardo do xiro postal, en cuxa data de emisión se considerará o abono como realizado a todos os efectos.
Correos cobrará ás usuarias e usuarios deste sistema as tarifas ou demais cantidades que teña estipuladas pola prestación do citado servizo, que non serán importes pagados á administración e quedarán excluídos da relación xurídica existente entre a persoa obrigada ao pago e o Concello de Narón.
Romero recalcou que se trata dun sistema “pensado para evitar que as veciñas e veciños do rural teñan que evitar desprazamentos ao Concello para realizar ese tipo de trámites coa administración, mellorando este servizo e a eficiencia da xestión pública”.
Esta canle de pago, apuntou, sumarase ás habituais xa existentes na administración.