Sarabela Teatro trae á Casa da Cultura de Neda “O dragón de ouro”

Apenas tres meses despois da súa estrea oficial, Sarabela Teatro trae a Neda a obra “O dragón de ouro”. Trátase dun drama que adapta ao galego un dos textos do dramaturgo alemán Roland Schimmelpfennig, no que se abordan cuestións ben actuais como as situacións derivadas da inmigración ilegal.

A montaxe, cun estilo narrativo cinematográfico, chega á Casa da Cultura este venres, 24 de maio, a partir das 20.30 horas. O Concello activa a venda e reserva de entradas na biblioteca municipal.

Fernando Dacosta, Fina Calleja, Fran Lareu, Sabela Gago, e Fernando González conforman o elenco desta obra, que cuestiona a deshumanización da sociedade.

Nela chegan a interpretar a máis dunha vintena de personaxes, que se van cruzando nunha trepidante sucesión de 48 escenas.

Dirixida por Ánxela Cuña e con tradución de Catuxa López Pato, nesta “traxedia contemporánea performática con elementos grotescos” tocan asuntos como a emigración ilegal, a explotación laboral dos “sen papeis”, a prostitución forzada, ou o desexo de cambiar as condicións de vida.

A obra, cun final inesperado, transita polas historias das persoas que habitan os distintos andares dun edificio europeo, en cuxo baixo se sitúa o restaurante de comida rápida O dragón de ouro. A trama arrinca na cociña deste establecemento, onde un mozo chino, sen permiso de residencia e que non consigue encontrar a súa irmá desaparecida, adoece pola forte dor de moas que está a sufrir.

O Concello de Neda activa hoxe mesmo a venda de entradas para o espectáculo da compañía ourensá, ao prezo de 2 euros, na biblioteca municipal (horario de 9 a 13 e de 16 a 20 horas). Poderanse reservar localidades, chamando ao teléfono 981390233. A obra está recomendada para maiores de 12 anos.

Lea también

Afundación celebra el Día de la Música con conciertos sincrónicos

Afundación, la Obra Social de ABANCA, celebra el Día de la Música, día de Santa …