Neda acolle a proxección do filme “O auto das ánimas”

O Concello de Neda proxectará este xoves 16 , a partir das 20 horas, no marco da programación especial do Día das Letras Galegas, o filme documental “O auto das ánimas”, coa que o experimentado director de fotografía Pablo Lago Dantas debuta na dirección.

A película, que leva conseguidos numerosos premios, poderase desfrutar na Casa da Cultura.

A cinta constitúe un retrato singular dunha familia da Galicia rural que vive apegada ás tradicións e crenzas ancestrais, a do propio cineasta. Lago volve á casa da súa avoa, en plena tempada dos augardenteiros, tras dúas décadas vivindo no estranxeiro.

A película, coproducida por DianaToucedo Films e CRTVG, estreábase no prestixioso festival Visions du Réel do 2023, en Suíza, e acumula galardóns dende a súa fase de proxecto.

Así, ten recibido o premio de postprodución no Mentoring Projects do Festival de Cine L’Alternativa; levou o premio do Primer Test no Festival REC Film Festival 2020 de Tarragona; ou o de mellor longametraxe da sección WIP do Festival de Málaga 2020.  A cinta participou ademais, antes de pasar polas salas de cine, en festivais da importancia do Play doc.

Programación especial

A proxección, co apoio da Deputación da Coruña, é unha das propostas municipais da programación do Concello de Neda con motivo do Día das Letras Galegas.

Unha oferta cultural que inclúe ademais unha mostra bibliográfica na biblioteca municipal, que acollerá ademais un obradoiro infantil de escritura creativa, a partir de versos de Luísa Villalta (sábado 18, ás 11.30 horas).

Lea también

O Ateneo Ferrolán proxecta o filme «Linda» dentro da programación 25N

Este venres dia 22 as 19.30h dentro da programación do 25N “Día contra a Violencia …