Ferrol en Común realiza máis de dez achegas ao Plan Estratéxico de Cultura

Ferrol en Común ven de presentar máis de 10 achegas ao Plan Estratéxico de Cultura, «un documento que, primeiramente ten que se actualizar con novos datos socioeconómicos e un novo cronograma de actuacións, xa que quedou desfasado no tempo».

FeC expón que «xa no seu día, amosamos unha actitude positiva ante a recepción de dito Plan e valoramos este documento coma unha estratexia cultural importante de cara ao futuro da cidade, sen embargo, consideramos que o Plan debe estar totalmente consensuado co sector cultural e con todos os grupos políticos, xa que a súa vixencia estenderase máis dun mandato».

«Entre as nosas achegas atópanse cuestións que non contempla o Plan e que para nós deberían de estar incluídas sen dúbida ningunha coma por exemplo, os locais de ensaio, uns espazos que veñen funcionando con éxito dende hai anos e contribúen a dar apoio aos artistas locais; a creación dunha biblioteca infantil para nenos de 0 a 11 anos, diferenciando bebeteca e infantil; o desenvolvemento dun Regulamento de Usos para todos os espazos municipais da area de cultura; inclusión da Banda Municipal de Música no Plan facendo unha clara aposta pola súa consolidación; a recuperación do taller de gravado ou o Premio Internacional de Piano, dúas cuestións que non aparecen reflectidas no Plan e que consideramos que deben de estalo».

«Así mesmo, un Plan tan relevante para a xestión cultural da nosa cidade debe conter unhas directrices básicas coma garantir o uso e fomento da lingua galega, velar pola accesibilidade total en todas as programacións e actividades e garantir a  independencia de programación de todos os espazos culturais dependentes do Concello para que non se repitan censuras ou vetos políticos».

«No mesmo senso, blindar a xestión pública de todos os espazos municipais e dotar de persoal suficiente á area de cultura con cuestións importantes que deben estar reflectidas no Plan e así o reseñamos nas nosas achegas».

«Por último, gustaríanos que o Plan Estratéxico se complementara, pois contempla gastos noutras áreas coma persoal ou urbanismo, pero non se especifica coma se debería afrontar nestas concellerías».

«Doutra banda, este Plan Estratéxico é moi ambicioso e temos serias dúbidas sobre coma se vai poñer en marcha, sobre todo en tema de orzamento e persoal, pois a area de cultura non goza nin do un, nin do outro».

Dende FeC «sempre apostamos polo fomento e impulso da cultura, e a nosa xestión durante o noso goberno aválanos, por iso adoptamos unha postura de predisposición de cara a aprobar este amplo documento, avogando sempre por un consenso participado co tecido cultural da cidade e quedando vixiantes sobre coma se vai poñer en marcha e o seu cumprimento».

Lea también

Inauguración de la jornada Ferrol, motor de proyectos transformadores con impacto

El teniente alcalde de Ferrol, Javier Díaz Mosquera, participó en la mañana de este jueves …