O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou, acompañados de familias do ceip Cruceiro de Canido, do ceip de Esteiro e da Federación de Anpas de Centros Públicos, a moción que defenderá no pleno municipal mediante a que busca darlle solución os problemas do servizo de comedores escolares na cidade.
María do Mar López, concelleira do BNG, afirmou que «a situación do servizo de comedores escolares no concello de Ferrol é unha cuestión que leva tempo recibindo queixas das familias usuarias que demandan diferentes melloras na prestación deste servizo». «Queixas que, ao longo deste curso, aumentaron e que levaron as familias a recoller sinaturas pedindo melloras e que foron ignoradas polo goberno local».
A concelleira nacionalista lembra que «as crianzas transmiten ás familias diferentes aspectos sobre o servizo de comedor que deberían ser, cando menos, comprobados por parte dos responsábeis deste servizo». «Cómpre lembrar, así mesmo, que este é un servizo que presta o concello de Ferrol pola negativa da Xunta de Galiza a facelo pese a ser unha competencia da administración galega».
O BNG propón que «o concello presente os novos pregos do servizo e os consensue coas entidades que participan do Consello Escolar Municipal de cara a que poidan estar en servizo ao inicio do vindeiro curso escolar». O BNG tamén propón que «se valore e teña en conta que as cociñas deste servizo se atopen no concello de Ferrol así como que os produtos sexan alimentos de quilometro cero e de tempada».
Outra das propostas do Bng é que «aumente a ratio de coidadores e garantir, cando menos, que en todos os centros haxa como mínimo 2 monitores por comedor. E insta ao goberno municipal a solucionar as queixas presentadas polas familias e solucionar os problemas expostos mentres non se contrata o novo servizo».
Pola súa parte Xaime Acuña, secretario da Federación de Anpas, defendeu que «os novos pregos se leven ao Consello Escolar Municipal para poder presentar propostas e se atendan as demandas presentadas polas familias».