Narón acomete melloras no firme de varios parques infantís

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, Pablo Mauriz, desprazáronse ao parque de Bimbieiro, na parroquia de Freixeiro, con motivo do remate das obras de reposición do caucho no parque infantil.

A actuación enmárcase, tal e como explicou a alcaldesa, nun proxecto municipal que se licitou en 102.309 euros e que se está executando na actualidade, co fin de mellorar varias zonas de xogo infantís.

A substitución do pavimento actual dalgúns parques da zona urbana da cidade é o obxectivo deste proxecto, que forma parte dun plan integral de mellora de diferentes espazos municipais, entre eles os parques infantís e biosaudables.

A maiores das obras xa executadas no parque de Bimbieiro, tamén se contemplan con cargo a este proxecto as dos parques ubicados no interior dos recintos dos colexios da Solaina e Ponte de Xuvia e os ubicados na rúa 25 de novembro, rúa río Mandeo, e o parque Segura Torrella, nos que se reporá o pavimento de caucho.

“Trátase de equipamentos que teñen nalgúns casos ata dez anos de antigüidade e que precisaban dunhas tarefas de mantemento para o seu uso nas mellores condicións posibles para as usuarias e usuarios, ao estar deteriorado o firme por tratarse de instalacións moi utilizadas pola veciñanza”, destacou Ferreiro.

A rexedora local explicou que o procedemento a seguir nestes traballos pasa por retirar o antigo pavimento de losetas que tiñan e substituílo por un pavimento continuo de caucho de diferentes cores e con acabados amortiguadores, “o que dotará de maior calidade estas infraestruturas municipais, punto de encontro da cidadanía”.

A rexedora local avanzou que o obxectivo dos vindeiros anos é “continuar apostando por manter este tipo de equipamentos nas mellores condicións de seguridade”.

Lea también

Odeón acoge el XXXIII Torneo Universitario Lóstrego de ajedrez

La Plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón será el escenario elegido un año más …