Unha trintena de postos participan en Narón na XIII Feira multisectorial agrícola

O recinto feiral do Trece acolle esta fin de semana,  sábado e domingo, a décimo terceira edición da Feira Multisectorial Agrícola organizada polo Concello de Narón.

A edil de Feiras e Mercados, Mar Gómez, avanzou que se instalarán unha trintena de postos que ofrecerán ás persoas que se acheguen numerosas variedades de produtos da horta, de xardinería, maquinaria agrícola, embutidos, ferramentas, produtos artesáns…

O recinto permanecerá aberto os dous días en horario de mañá e tarde, de 11:00 a 14:00 e dende as 16:00 ata as 20:00 horas e a entrada é de balde.

O apartado gastronómico deste evento completarase con tres postos nos que se ofrecerá despois das 12:00 horas, os dous días, unha variedade de pinchos para degustar produtos da terra, de balde.

A maiores, tamén se instalará unha carpa baixo a que se venderán racións de polbo e churrasco. Nos postos de venda repartiranse, coas compras, tickets para participar nos sorteos que se realizarán de lotes con produtos da terra, realizándose seis entregas por día.

O apartado lúdico-formativo para menores completarase tamén cos obradoiros infantís para as dúas xornadas, de balde. No obradoiro de plantación, aprenderán os coidados básicos das plantas e como sementalas, podendo participar un máximo de vinte nenos nas quendas dende as 12:00 ata as 14:00 e pola tarde de 17:00 a 19:00.

O outro obradoiro, de construción e exhibición de cometas, ensinaralles a persoalizalas e poderán participar entre vinte e trinta menores por quenda e será en horario de 16:00 a 19:00 horas. Os dous obradoiros impartiranse neses horarios tanto o sábado como o domingo, tal e como explicou a edil de Feiras.

Gómez animou ós veciños de Narón e comarca a achegarse a esta feira multisectorial e agrícola co fin de poder ver unha gran variedade de produtos da horta e plantas de xardín, as novidades en maquinaria agrícola… e desfrutar tamén dos produtos da terra que se venderán e incluso se poderán degustar nalgúns casos, de balde, ao mediodía.

Lea también

Tega denuncia o bloqueo da oposición á proposta do goberno local de modificación da ordenanza de subvencións

Os tres grupos da oposición na corporación local naronesa, PP, BNG e PSOE, votaron na …