A Área Sanitaria de Ferrol é a única en participar no proxecto nacional «Tartaglia»

A ASF incorporaba este mes unha profesional de informática para avanzar no proxecto nacional Tartaglia sobre Intelixencia Artificial.

Lembrar que esta Área Sanitaria é a única de Galicia en participar, xa que está implicada a Consellería de Sanidade a través da Área ferrolá e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS).

Tartaglia artella unha rede federada de datos para acelerar a investigación sanitaria en intelixencia artificial. O obxectivo do proxecto é empregar esa intelixencia artificial para axudar a pacientes e profesionais sanitarios a reforzar a prevención e mellorar o diagnóstico temperá de enfermidades.

Así, o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol participa xunto con outras comunidades, Cataluña, Valencia, A Rioja e Canarias en crear unha plataforma de datos, previa recompilación e análise, coa que establecer modelos analíticos e preditivos para un máis rápido e doado diagnóstico no eido, concretamente na Área ferrolá, do cancro de próstata e da retinopatía diabética.

Tendo en conta a diversidade de tecnoloxías, estándares e ferramentas informáticas empregadas para este proxecto, incorporouse ó actual equipo de traballo esta profesional informática para realización de tarefas de soporte e apoio técnico para os profesionais sanitarios, por exemplo, nos procesos de extracción e etiquetaxe de imaxes médicas, así como para a incorporación das devanditas imaxes ó sistema de comunicación e de almacenamento, configuración, programación e desprego de nodos, computacións, e elaboración de documentación administrativa do proxecto.

Datos para predicir patoloxías, Oftalmoloxía e Anatomía Patolóxica

O adestramento de algoritmos de intelixencia artificial require un volume grande de datos. No sector saúde, os datos están distribuídos en moitas entidades que teñen un volume acoutado de datos; e é necesario un alto grao seguridade e de control de acceso ós datos clínicos e de carácter persoal. O obxectivo, polo tanto, é validar unha plataforma que permita o desenvolvemento de algoritmos de intelixencia artificial nun modelo de adestramento federado seguro, que aumente a potencia preditiva dos modelos; preserve a privacidade dos datos; e evite o uso de repositorios centralizados xa que estes datos quedan no provedor pero póñense en conexión co resto de hospitais a través da plataforma.

Traballarase así, no caso da Área ferrolá, en dous eixos, no adestramento de algoritmos de Clasificación Automática de Retinopatía Diabética e algoritmos de Identificación de Cancro de Próstata baseados en datos clínicos e radiolóxicos e en imaxes dixitalizadas de Anatomía Patolóxica. No caso de Oftalmoloxía, estase a traballar na creación dun banco de imaxes de fondo de ollo que son clasificadas por unha especialista, a oftalmóloga Nuria Olivier, en función da presenza ou non de signos de retinopatía diabética. O dito conxunto de imaxes clasificadas de maneira harmonizada uniranse ás catalogadas pola outra entidade que participan nesta liña, o Instituto de Investigación Sanitaria La Fe da Comunidade Valenciana e a Fundación Rioja Salud.

Doutra banda, no proxecto liderado polo especialista e responsable do Servizo de Anatomía Patolóxica, Alberto Veiga Barreiro, o papel deste Servizo é a selección de casos; a creación de banco de imaxes; a etiquetaxe e clasificación, xeración de “Ground Truth”; e o desenvolvemento, avaliación e validación de algoritmo. Para isto xa conta cun escáner, o primeiro que foi instalado en Galicia con estas características, que dixitaliza as probas de Anatomía Patolóxica. Do mesmo xeito que no caso anterior, as ditas imaxes serán analizadas a través da rede federada polo hospital Vall d’Hebrón de Barcelona e a Fundación para o Fomento da Investigación Sanitaria e Biomédica da Comunidade Valenciana.

Estes bancos de imaxes, xunto cos grandes volumes de datos clínicos, incorporaranse á Rede de Aprendizaxe Federada para o adestramento de modelos Machine Learning de datos distribuídos na investigación de patróns e biomarcadores a través de imaxes biomédicas, e coa finalidade de realizar deteccións en fase inicial de cancro de próstata, e para a análise de forma automática de exames de retina na realización de cribados.

Proxecto nacional federado en rede

O proxecto Tartaglia para facilitar e fomentar a investigación clínica e sanitaria conta cun orzamento total de máis de 9,1 millóns de euros, e implica a 16 entidades, entre centros sanitarios o prestadores de saúde, centros de investigación e empresas. No caso de Galicia, como xa se dixo, está implicada a Consellería de Sanidade a través da Área Sanitaria de Ferrol e da ACIS. O proxecto enmárcase dentro do Programa Misións de I+D en Intelixencia Artificial, da Axenda España Dixital 2025, e da Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial, financiado pola Unión Europea a través dos fondos do Plan de Recuperación Resiliencia e Transformación.

En definitiva, a análise e clasificación previa de imaxes das distintas patoloxías relacionadas con elas na que xa se esta a traballar, fará que posteriormente a intelixencia artificial permita anticipar e actuar de maneira temperá e efectiva ante as principais enfermidades que se acollen neste proxecto.

Con esta iniciativa, indican dende o soporte técnico recentemente incorporado, “a Área Sanitaria de Ferrol e a ACIS forman parte activa deste proxecto pioneiro de investigación sanitaria que pretende posicionar ós nosos investigadores á fronte da innovación en Intelixencia Artificial en Europa, impulsando a conectividade e interoperabilidade entre rexións para os servizos de saúde dixital, así como para a interconexión con outros proxectos europeos”.

Lea también

El parque del Montón se recupera como espacio de disfrute

El teniente alcalde de Ferrol, Javier Díaz, realizó una visita en la mañana de este …