Ferrol en Común a través dun comunicado expresa o seguinte «este luns 25, en formato papel, unha obsolescencia propia deste goberno, deuse traslado aos grupos do documento de Orzamentos para o exercicio 2024. Nunha primeira valoración Ferrol en Común considera:
«O único incremento en gasto social vén determinado por obras na casa da muller, polo que as demandas que historicamente reclamamos sobre plans sociocomunitarios en San Pablo ou Recimil quedan desertas novamente, así como o incremento e adecuación á realidade dos fondos de emerxencia municipal. As políticas de emprego e mocidade seguen a inercia conformista e non existe unha política real nesas materias máis alá de actuacións puntuais sen un proxecto definido».
«Segue sen desenvolverse unha política de emprego público de calidade que solucione o problema estrutural do concello de Ferrol, unicamente incidindo no nomeamento de xefaturas por libre designación, sen traballadores nos centros xestores e sen RPT».
«Mantense unha política de sumisión absoluta á Xunta de Galicia, unha adminitración que esixe un euro de investimento por cada euro que achega, respecto ao mantemento de CEIPS, Cidade do deporte ou Abrir Ferrol ao mar, o que rompe a relación de 80%-20% tradicional, e obliga ao concello a endebedarse en once millóns de euros e retraer os investimentos con recursos propios. Ademais, a Xunta de Galicia está a amosar que inviste no Partido Popular, non na cidade de Ferrol, pois antes do goberno de Rey Varela as súas achegas eran mínimas, unha actitude do máis reprobable».
«A zona rural segue a ser a irmá pobre da política orzamentaria, centrándose exclusivamente na reparación e reposición de viais, no canto dun proxecto integral que valore a iluminación, beirarrúas, posta en valor do patrimonio material e inmaterial, cultura e benestar».
«Asúmese sen reparos unha suba nas tarifas da auga, proposta por Emafesa, que é controlada por Socamex, sen ningún tipo de auditoría externa e sen ter aprobadas as contas dende 2017».
«Non se solucionan problemas históricos, como os derivados da débeda que ten a Autoridade Portuaria co concello de Ferrol en forma de canon, nin estar pechado co Consorcio provincial de bombeiros a subvención que se debe recibir da Deputación e que pon en risco o servizo, ou a viabilidade dun proxecto de rehabilitación da casa de Carvalho Calero, e moito menos o avance nunha zona de baixas emisión, un barrio da Magdalena peonalizado, ou unha mellora da accesibilidade».
«Non obstante, co ánimo de incluír propostas que podan ser aceptadas no orzamento, froito de reunión con entidades e dun debate interno, Ferrol en Común presentará achegas ao documento, tratando de posibilitar partidas que redunden no aspecto social do mesmo e consigan minorar ese carácter propagandístico para facelo efectivo en beneficio dos máis desfavorecidos».