O Campus Industrial de Ferrol acolle o XII Congreso de Estudantes de Podoloxía de Galicia

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas, o tenente de alcalde do Concello de Ferrol, Javier Díaz Mosquera, a presidenta do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia (COPOGA), Ana Requeijo Constenla, o vicedecano da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, Pedro Gil Manso, e o presidente do Comité Organizador do XII Congreso de Estudantes de Podoloxía de Galicia e alumno do 4º curso do grao en Podoloxía da Universidade da Coruña, Lois Vázquez Campos, inauguran este xoves 21 de marzo, ás 09:00 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, un congreso de dous días de duración no que participan máis de 150 estudantes de Podoloxía de Galicia e de Castela e León.

A primeira conferencia do congreso, prevista ás 10:00 horas, correrá a cargo do membro fundador da Sociedade Española de Biomecánica e Ortopodoloxía (SEBIOR), José Manuel Castillo Pérez, quen afondará nos efectos propioceptivos e mecánicos na patoloxía podolóxica infantil e nas alteracións da marcha. De seguido, ás 10:50 horas, intervirá o experto en Ecografía MSK en pé e nocello pola Universidad CEU San Pablo de Madrid, Pablo Bernardo Freire.

Logo dun breve descanso, ás 12:30 horas, o director da PEU Clínica de Podología situada en Denia (Alicante), Eugeni Llorca Bordes, falará sobre os principais problemas ortésicos no tratamento do pé plano infantil. A última das conferencias da mañá terá lugar ás 13:10 horas e será impartida polo creador e CEO de Brain4Feet, Sergi Prades Valls, quen explicará con detalle o uso da ecografía no eido da podoloxía. Xa pola tarde, o estudantado
inscrito no congreso participará en varios obradoiros teórico-prácticos.

A xornada do venres 22 de marzo dará comezo ás 10:00 horas coa intervención do graduado en Podoloxía pola Universidade da Coruña e membro activo da Sociedade Española de Criminoloxía e Ciencias Forenses, Esteban Juan García Agra, quen realizará unha introdución á podoloxía forense.

Ao longo da mañá falarán tamén o podólogo e diplomado en Medicina do Fútbol pola FIFA, Carlos Virosta Vela, o podólogo oficial do Pescados Rubén Burela FS Masculino e Feminino, Miguel Ángel Murias Carrasco, así como o podólogo e membro da ONG Healing the Children, Patricio Serqueira Keenehan.

Xa pola tarde, o programa do congreso inclúe as intervencións da podóloga, enfermeira e doutora en Ciencias da Saúde pola Universidade da Coruña, Raquel Veiga Seijo, dos profesores do grao en Podoloxía da Universidade de León, Alba María López Armesto e Miguel López Vigil, e, por último, a conferencia en liña do podólogo da Real Federación Española de Atletismo (RFEA), Bernardino Basas García.

Lea también

Accidente sin heridos en la caída al mar de una ‘cigüeña’ de Navantia Ferrol

Una de las grúas ‘cigüeña’ de Navantia Ferrol se ha precipitado a primera hora de …