As autoridades involucradas na materialización da nova nave de embarcacións do Club de Remo de Ares visitaron as instalación dentro do acto de inauguración promovido polo Concello de Ares e a Secretaría Xeral para o Deporte, que contribuíu á construcción do altillo da nave, o último paso que se deu na súa materialización.
O alcalde do municipio aresán, Julio Ignacio Iglesias Redondo, acompañado de Alma Barrón e Olimpia Marcos, concelleiras do equipo de goberno nas respectivas áreas de Deportes e Urbanismo, supervisaron xunto a Roberto García, Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Coruña, o estado final da infraestrutura.
O encontro tamén serviu para oficializar a entrega de chaves ó Club de Remo de Ares, representado a través do seu presidente Germán Sánchez, e dar por finalizadas as obras.
A partir deste momento, a entidade deportiva aresán contará cun edificio destinado a cubrir as necesidades de almacenamento das embarcacións de banco fixo e facilitar os entrenamentos do equipo de remo.
Tres administracións no proceso de construción
Para materializar a nave de embarcacións, o Concello iniciou un proceso que garantiu o investimento non só de fondos municipais, senón tamén de entes provinciais e autonómicos, dividindo as achegas en función do proceso de deseño da nave.
Deste xeito, a cimentación de todo o edificio sufragouse cunha achega de 34.485 euros, IVE incluído, por parte da administración aresán. A execución do propio proxecto básico de nave de almacén, cun montante aproximado de 157.000 euros, dividiuse entre Deputación provincial (86.000 euros) e o Concello (71.000 euros) e, finalmente, o altillo supuxo o investimento de 32.119 euros por parte da Secretaría Xeral para o Deporte e 8.029 euros dos fondos municipais.