Cerdido destina máis de 46.000€ a mellorar tres camiños municipais

O Concello de Cerdido vén de iniciar as obras en tres camiños do termo municipal, a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña, correspondente ao ano 2022.

As actuacións contan cun orzamento de 46.021 euros, financiadas ao 80 % pola entidade provincial e un 20 % das arcas municipais.

A primeira das actuacións estase a realizar no camiño de Sete a Casaldaia, na parroquia da Barqueira, que conta cunha lonxitude de 1.055 metros e 3,50 metros de ancho, ademais dun abano de 20 por 5 metros.

A segunda obra estase efectuando no camiño dos Campos, na parroquia dos Casás, cunha lonxitude de 705 metros e 3 metros de ancho, así como 110 metros cadrados de abanos.

Por último, a terceira das intervencións estase a realizar no camiño de O Covelo-Bordo, tamén na parroquia dos Casás, que conta unha lonxitude de 1.140 metros e 3 metros de ancho, así como uns abanos de 75 metros.

Nas tres execucións estase efectuando a mellora na capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Completan a obra a limpeza de gabias e salvagabias para o correcta drenaxe lonxitudinal e transversal.

O alcalde de Cerdido, Alberto Rey, salientou que “a renovación destes tres camiños municipais facilitará a comunicación entre os distintos núcleos do noso Concello, facilitando o día a día da nosa veciñanza”. O rexedor engadiu que “con esta actuación melloramos as infraestruturas básicas de transporte, tan necesarias nun municipio con tanta dispersión como o noso”.

Lea también

O alcalde das Pontes solicita a Martínez Allegue a mellora da AC861

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, mantivo un encontro coa responsable da Consellería de …