O Concello de As Pontes pon en marcha este luns 18 de marzo, a terceira edición do programa de apoio socioeducativo “Espazo en Familia” dirixido a todas as familias pontesas con fillos menores de idade escolarizados nos centros educativos de As Pontes.
Unha iniciativa que ten como obxectivo prioritario ofrecer aos pais e nais un lugar para compartir as súas inquedanzas sobre a crianza e educación dos seus fillos e poder abordalas con éxito e que, segundo palabras da concelleira de Educación, Tania Pardo “busca que as familias que participen neste programa, coa axuda de profesionais no ámbito da educación social, da terapia familiar e da psicoloxía e educación infantil, aprendan a desenvolver accións de crianza positiva que faciliten e promovan o desenvolvemento dos seus fillos”.
O programa, a través de sesións grupais e individuais e accións de formación, abordará nesta terceira edición temáticas relacionadas coas etapas evolutivas das crianzas, manexo de emocións, os principais riscos das pantallas, prevención de adicións, entre outras.
“Espazo en Familia” tamén busca melloraras técnicas de comunicación e negociación, aprender a criar aos fillos de forma segura fomentando a autoestima e o apego así como aprender a crear unha conexión emocional e influír positivamente nos nenos.
O programa Espazo en Familia arranca o día 18 de marzo, ás 11:00 horas, na Casa Dopeso, cun coloquio sobre normas e límites na infancia e na adolescencia, coaching familiar, estilos educativos sobre protectores e estratexias de resolución de conflitos
Todas as familias interesadas en participar neste coloquio poden inscribirse no teléfono 606 70 66 88, no correo electrónico espazoenfamilia@gmail.com ou no departamento de Benestar Social, no segundo andar da Casa Dopeso (r/Rosalía de Castro 28)