Os xurados, compostos por profesionais de recoñecido prestixio, escollerán os 8 proxectos seleccionados (4 de cada temática) en reunións que se celebrarán o 14 de marzo, a do xurado de música, e o 19 de marzo o de literatura e pensamento.
As Residencias Artísticas Mariñán, promovidas pola área de cultura da Deputación da Coruña, contaron este ano cun total de 45 propostas presentadas: 24 de música e 21 de literatura e pensamento.
O xurado das Residencias Artísticas Mariñán de música está composto por Carles Sala, coordinador de Fabra i Coats (Fábrica de Creación de Barcelona); Patricia Hermida, presidenta da AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Carlos Crespo, xornalista musical.
Pola súa parte, o de literatura e pensamento confórmano a poeta Yolanda Castaño Pereira, o escritor Iván García Campos e a filóloga e ensaísta María López Sández. Ambos están presididos pola deputada de Cultura e coa xefa da área, Mercedes Fernández Albalat como secretaria.
Os catro proxectos do ámbito musical e os outros catro de literatura e pensamento gañadores desenvolverán a súa estadía no Pazo de Mariñán entre o 15 e o 26 de abril. Cada residencia terá unha duración máxima de seis días, no caso das musicais, e de doce, no caso das literarias e de pensamento.
O obxectivo desta iniciativa, que puxo en marcha a área de cultura da Deputación no 2020, é apoiar ós creadores centrando a axuda non so nas pezas ou nos resultados finais, senón tamén nos procesos creativos, nun espazo singular, como é o Pazo de Mariñán, e poñendo a disposición dos participantes todos os medios para desenvolver os seus proxectos con éxito e nas mellores condicións.