O Concello de Cedeira conmemorará un ano máis o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, cunha serie de actos dirixidos a reivindicar os dereitos, a participación e o recoñecemento en pé de igualdade de todas as mulleres e tamén a rexeitar a violencia de xénero en todas as súas manifestacións.
As actividades comezan este martes 5, coa inauguración dunha exposición no Museo Mares, e continuarán o venres 8, día da lectura do manifestó institucional do Concello, e durante a fin de semana.
O Museo Mares alberga unha exposición polo 8M e que reúne tres mostras diferentes. Por unha banda, a colección de fotografías “Mar de Mulleres”, obra da fotógrafa e artista gráfica Noelia Blanco, propietaria do estudio Akelarre na localidade, na que retrata a traballadoras do mundo do mar.
Tamén están no Mares unha colección de cartaces antigos da celebración do 8M e a mostra “Di non contra a violencia de xénero” con viñetas da debuxante Sex (María José Mosquera), nas que a través do seu humor ácido pon de manifesto as desigualdades cotiás que viven as mulleres tanto no fogar como no traballo. Estas dúas últimas exposicións foron cedidas polo Concello de Ortigueira.
A conmemoración continuará o venres, 8 de marzo, con varias actividades que terán lugar na praza da Reitoral, se ben en caso de choiva se trasladarán ao Auditorio Municipal. Durante o desenvolvemento destas propostas, que se detallan a continuación, repartiranse uns trípticos con información sobre o ciclo menstrual.
Ás 17.00 horas abrirase alí un espazo de lectura para a rapazada, con libros que aportarán as tres bibliotecas de Cedeira, as dúas do instituto e o colexio e a municipal López Cortón, todos eles relacionados co tema da igualdade.
Un pouco máis tarde, ás 17.30h, comezará no mesmo lugar o obradoiro “Invisibilizadas: aprender a recoñecernos”, un xogo arredor do feminismo que dinamizará a educadora social Tania Merelas. “Así, si” é o título da performance interxeracional que dirixirá a partir das 19.00h, no mesmo lugar, a educadora social Lucía Vázquez. Tras esta actividade darase lectura ao manifesto institucional do Concello de Cedeira.
A conmemoración do 8M continuará o sábado, día 9, cunha carreira/andaina que estará adicada a recordar a figura de Katherine Switzer, a primeira muller que correu unha maratón. Desde o Concello invitan á cidadanía a acudir e participar neste acto, que comezará e rematará na Praza Roxa.
Cómpre apuntar tamén que o 9 de marzo se celebrará no Auditorio Municipal a entrega do premio Muller da Vila, que cada ano concede a Asociación de Mulleres da Vila, e que nesta ocasión é para Mari Luz Lorenzo, impulsora do que hoxe é a agrupación folclórica Buxainas. O acto será ás 19.00h e no mesmo actuará a Banda de Música Vila de Cedeira.
A programación do Concello complétase coa merenda-coloquio que se vai desenvolver no Centro de Ocio Xuvenil o día 10, domingo, a partir das 17.30h. A cita contará coa participación do equipo Faro da Igualdade do IES Punta Candieira e no mesmo darase paso a unha actividade artística dos mozos.