Presencia de pingueiras no CEIP Nicolás do Río, Cedeira

O goberno local de Cedeira denuncia a presencia de pingueiras en aulas e corredores do CEIP Nicolás do Río, tanto no edificio principal como no do Areal, e reclama a urxente actuación da Xunta de Galicia para subsanar tales problemas, que se teñen comunicado á Consellería de Educación en repetidas ocasións desde o primeiro trimestre deste curso escolar.

Segundo explicou o concelleiro de Educación, Noel López, o colexio ten actualmente medio patio pechado por risco de caída de cascotes. Ademais, entra auga en varias aulas, hai pingueiras nun corredor, filtran humidade as ventás, por mor dunha incorrecta colocación, e cando chove moito, algo que este ano se ten repetido en moitas ocasións, é imposible utilizar o pavillón deportivo polas goteiras.

Os problemas que afectan ao edificio principal do Nicolás do Río tamén se repiten no do Areal, con pingueiras nas escaleiras.

Todas estas eivas se teñen trasladado á Consellería de Educación en reiteradas ocasións. Os seus técnicos chegaron a visitar o centro e constataron os problemas, porén non existe ningún compromiso para resolvelos. É un centro con máis de 50 anos e precisa, sinalan desde o Concello, dunha actuación en profundidade.

Lea también

“As Pontes, Terra de Cogomelos” premia ós mellores cociñeiros de Galicia

O xurado decidirá o próximo sábado 30 de novembro nun evento de portas aberta ao …