Eduardo Soutullo gaña o XV Premio Andrés Gaos de Composición Musical

O compositor galego Eduardo Soutullo é o gañador do XV Premio Andrés Gaos de composición musical da Deputación da Coruña coa súa obra Avnios.

Así se anunciou onte á noite no Museo Domus, tralo concerto de Arxis Esemble e o encontro do público co xurado e co comisario do certame e director artístico de Arxis Esemble, Hugo Gómez Chao Porta, no que tamén participaron José Trigueros e Andrés Lacasa, director e xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG).

Un xurado composto pola catedrática de música e investigadora, Rosa María Fernández García e pola compositora e compositores Raquel García, Jacobo Gaspar, Miguel Matamoro e Wladimir Rosinskij; presidido pola deputada de cultura, Natividade González e coa xefa da área, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, escolleu como gañadora a obra de Eduardo Soutullo entre as 9 presentadas ao concurso de composición musical convocado pola Deputación.

O gañador recibirá como premio 6.500€ ademais da posibilidade, por parte da entidade provincial, da produción e estrea da obra.

Motivación do xurado

Avnios foi a obra gañadora das tres finalistas, entre as que tamén se atopaban Lines e SYZYGY. O xurado destacou a súa consistencia na orquestación e o desplegue de recursos tímbricos. “A obra amosa un gran coñecemento dos diferentes instrumentos da orquesta, cun bo traballo armónico e luminosidade estética”.

Sesións de traballo coa OSG e o xurado

Convén lembrar que a mediados do mes de xaneiro foron enviadas á OSG as partichelas das tres obras finalistas para o seu estudo e, durante os días 14 e 15 deste mes, tiveron lugar as sesións de traballo coa OSG, os finalistas e o xurado no Pazo da Ópera da Coruña.

Esta metodoloxía é, precisamente, un dos atractivos do certame para os compositores participantes, “porque non se limita á percepción dun premio; este formato facilita ás persoas finalistas a posibilidade de traballar cunha orquesta de gran nivel como a OSG e de escoitar as súas obras interpretadas pola orquesta; ademais permítelles dipoñer dunha gravación da obra e tamén ter unha interactuación co público e críticos que poden asistir aos ensaios” apuntou o comisario do premio, Hugo Gómez-Chao.

Nas edicións anteriores os gañadores foron Ramón Humet, Álvaro Núñez Carbullanca, Manuel Martínez Burgos, Eduardo Lorenzo Preito, Xavier Pagés i Corella e Javier Martínez Campos.

Sobre o gañador

Eduardo Soutullo García (Vigo, 1968) empezou a súa educación musical no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Despois trasladouse a Madrid e a París para para completar os seus estudos en Harmonía e Composición con Isabelle Duha (Conservatorio d’Issy les Molineaux-XIII de París). Estudou composición musical con David del Puerto, Jesús Rueda, José Luis de Delás Franco (Köln Conservatory), Richard Steinitz (Universidade de Huddersfield) e con Cristóbal Halffter e Tomás Marco (Vilafranca do Bierzo).

Ten un mestrado titulado «A Música en España e Hispanoamérica: métodos e técnicas actuais de investigación», na Universidade Complutense de Madrid, e ten un Doutoramento (PhD) na Universidade de Vigo (tese sobre a música contemporánea española).

Foi un profesor no Conservatorio de Vigo e no Conservatorio de Ourense e profesor superior no Conservatorio Superior de Música de Santiago de Compostela. Foi compositor residencial na Academia española en Roma no curso 2019-2020.

As súas obras orquestrais foron dirixidas por Jacques Mercier, Hannu Lintu, Olli Mustonen, Adrian Leaper, Carlo Rizzi, Marco Angius, Pietro Rizzo, Tommy Andersson, Paul Daniel, Patrick Davin, Josep Caballé Domenech, Jose Miguel Perez Sierra, Jose Luís Temes, Josep Pons, Aleix Soriano, Victor Pablo Pérez, Antoni Ros-Marbá ou Carlos Miguel Prieto, entre outros. E interpretadas pola Orchestre National de Lorraine (Francia), Orquestra Sinfónica da Radio de Suecia, Orquestra Sinfónica de San Petersburgo, Orquestra Nacional de España, Orquestra da Comunidade de Madrid, Orquestra Sinfónica de Barcelona e a Nacional de Cataluña, Orquestra Sinfónica da Galiza, Orquestra Ciudad de Granada, Orquestra de Estremadura, Orquestra Real Filharmonía de Galicia. Tamén por Plural Ensemble, Cuarteto Breton, Grup Instrumental de Valencia, Orquestra de Cámara do Auditorio de Zaragoza, Choeur L´Echelle, Orchestra da Camera dei Matera, Taller Sonoro (Sevilla), Drumming (O Porto). Entre os solistas intérpretes: Ananda Sukarlan, Oleg Malov, Adam Levin, José Luis Estellés, Gustavo Díaz-Xerez, Miquel Berna etc.

Foi Premio Nacional de Música 2023, do Ministerio de Cultura, polo «unánime recoñecemento internacional da súa música, especialmente a súa produción orquestral destacando a estrea en San Petersburgo da súa cantata contra a guerra «O lamento dos xirasoles”.

Lea también

Ferrol, acoge el encuentro intergeneracional de corales de personas mayores

La concejala de Política Social e Inclusión de Ferrol, Rosa Martínez, presentó este jueves 21 …