Queixas avanza o apoio do goberno galego liderado por Ana Pontón, á declaración da cidade departamental como patriminio da humanidade e á rehabilitación da casa natal de Ricardo Carvalho Calero
A cabeza de lista do BNG ao Parlamento galego pola circunscrición coruñesa, Mercedes Queixas, visitou o barrio de Ferrol Vello acompañada por Ramón Fernandez Alfonzo Mon, número 4 da candidatura, e Iván Rivas, portavoz do Bloque no concello.
Queixas mostrouse impresionada polo estado ruinoso que presenta a casa natal de Ricardo Carvalho Calero, unha das grandes figuras da cultura, a literatura e a lingua galega do século XX, cuxo legado chegou absolutamente vixente aos nosos días.
“O Goberno galego liderado por Ana Pontón dará luz verde á Zona de Especial Necesidade de Rehabilitación (ZER) que permita a restauración e posta en valor da casa de don Ricardo. Non toleraremos que esta zona do Ferrol Vello, de enorme riqueza patrimonial, sexa obxecto de especulación”, remarcou Queixas.
Non só está en ruínas a casa de Ricardo Carvalho Calero, senón que os restos das murallas de Ferrol recentemente descubertos corren serio risco “porque a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta, no canto de adoptar medidas para que se preservasen, ordenou que se tapasen”, denuncia.
Boa proba de que a Xunta non ten a protección do patrimonio como prioridade atopámolo no feito de que o orzamento co que contará a Dirección Xeral en 2024 “non chega aínda ás cifras de 2010”, criticou.
“Coidar o patrimonio é pór en valor a nosa memoria, o que nos constitúe como pobo cunha cultura e unha lingua de seu. Iso é o que fará a Xunta de Galiza que a partir do 18F vai presidir Ana Pontón e iso é o que non ten feito o PP ao longo de quince anos de goberno”, engadiu.
Alén de darlle curso á aprobación da ZER para tornar realidade a rehabilitación da casa natal de Carvalho Calero, o BNG proponse, desde o goberno, conferir todo o apoio á candidatura de Ferrol como cidade Patrimonio da Humanidade.
“Éo de feito, Patrimonio da Humanidade, teno que ser tamén de dereito e o que non entendemos é porque a Xunta durante estes anos non prestou un apoio incondicional á candidatura ferrolá”, conclúe.