Mon Fernández, candidato comarcal do BNG ao Parlamento Galego, desenvolveu na mañá deste sábado un acto público en Fene, no CPSde San Valentín, no que reivindicou «o dereito que temos a traballar na nosa terra» e defendeu que o BNG vai deixarse a pel «en que teñamos en Galiza emprego de calidade para que a xente nova desta comarca non teña que marchar a traballar fora do noso País».
Mon Fernández, quixo aproveitar o acto en San valentín, para falar de que un goberno do BNG vai esforzarse en xerar actividade económica e emprego de calidade. «Queremos pór o País a producir desde a innovación pocurando un desenvolvemento baseado nos propios recursos, nos sectores estratéxicos, tanto os tradicionais como os emerxentes».
Desde o BNG criticouse que a política económica desenvolvida polo PP nos últimos 15 anos deixa un país cunha forte crise económica, con falta de pulso tecnolóxico e innovador, e cunha administración pública que desistiu do papel de intervención na economía e se converteu nun instrumento ao servizo dos intereses expoliatorios de grandes grupos económicos.
Asi Mon Fernández volveu a defender a implicación da Xunta para acadar para a nosa comarca a creación do Complexo Integral da Construción Naval na Ría de Ferrol, cun forte impulso de investimentos e das dotacións de persoal de xestión, enxeñería e produtivo no centro de Navantia en Fene, para poder desenvolver proxectos de traballo propios, así como a superación do “monocultivo militar” en Navantia, mediante o acceso real a todo tipo de produción naval.