A peza reflexiona sobre o traballo das mulleres na construción do Dique da Campá de Ferrol no 150º aniversario do comezo das obras.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, mantivo unha reunión nas instalacións do Centro Coreográfico Galego, na Coruña, con varios membros do equipo artístico de «Dique», a montaxe que a compañía Nova Galega de Danza desenvolve en coprodución coa unidade da Xunta de Galicia e que ten prevista a súa estrea a finais do mes de xuño.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades asistiu á segunda xornada de audicións organizada pola compañía para escoller as bailarinas que integrarán o extenso corpo de baile deste espectáculo de gran formato. A idea creativa de partida é a reflexión sobre o papel das máis de 200 mulleres que participaron na construción do Dique da Campá de Ferrol, cando se compren 150 anos do inicio dos traballos daquela obra de enxeñeira, que fora punteira no século XIX en España.
Baixo a dirección escénica e escenográfica de Marta Pazos e dirección coreográfica da mallorquina Belén Martí Lluch, a peza contará cun elenco integramente feminino, que executará un diálogo entre danza tradicional e contemporánea, na liña creativa característica da compañía.
Despois de adentrarse por primeira vez na dirección de movemento co ballet de Debussy Toy Box, en novembro pasado en L’Auditori de Barcelona, a prestixiosa directora de teatro e artista plástica Marta Pazos, asume o convite de Jaime Pablo Díaz, director de Nova Galega de Danza, para poñerse á fronte desta montaxe de gran formato.
Pola súa banda, con dúas décadas de traballo e un Premio Max, Nova Galega de Danza é hoxe un referente para o conxunto do sector escénico e destaca non só pola súa proxección exterior senón tamén por ser unha plataforma de lanzamento para multitude de profesionais da danza.
Obxectivos do Plan de Danza
Dique chegará aos escenarios en virtude dun contrato de coprodución asinado a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e en seguimento dos obxectivos marcados no Plan integral para a danza de Galicia.
Para facilitar a súa distribución e maximizar a súa visibilidade, a peza contará tamén cunha escenografía versátil e autoportante, que permitirá a súa exhibición en espazos non convencionais.
Dirixida a todos os públicos, incluído o familiar e escolar, canda o espectáculo elaborarase e distribuirase unha unidade didáctica e desenvolveranse diferentes actividades de mediación encamiñadas ao fomento e consolidación de públicos para a danza.