O BNG desenvolverá este xoves 1 de febreiro, un acto de presentación da campaña electoral (con acto simbólico, previo ao comezo da campaña oficial, ás 00:00 h do día 2 ) do vindeiro 18 de febreiro; nun acto que se celebrará ás 17,30 horas na Praza do Himno Galego, en Ferrol, coa participación de cargos orgánicos e institucionais do BNG nos concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
Na candidatura pola provincia de A Coruña figuran un total de cinco persoas que representan diversos sectores e ámbitos da sociedade comarcal
Nº 4.- Ramón Fernández Alfonzo Foi Dirixente da CIG-Industria. Deputado no Parlamento de Galicia na última lexislatura
Nº 9.- Xosé Manuel Golpe Técnico especialista en enerxías renovábeis.
Nº 13.- Joam Luís Ferreiro Caramés Biólogo mariño
Nº 17.- Ánxel Rial Otero Responsábel de oficina técnica e coordinador de proxectos nunha industria da madeira
Nº 18.- Sandra Permui Meizoso Educadora infantil. Concelleira en Fene
A formación afirma que No BNG «sabemos moi especialmente na nosa comarca, con deficiencias estruturais no tocante ás comunicacións, industria, servizos… da importancia dun cambio no goberno galego; do que dependen gran parte das políticas para reverter a situación e poñer en marca un país punteiro e vanguardista, dono do seu futuro. Un goberno que recupere a sanidade pública para que a saúde non dependa da tarxeta bancaria; que coloque a enerxía ao servizo das familias, da clase traballadora, das empresas; que poña en marcha todo o potencial do País para que a xente moza non teña que facer as maletas; un goberno sen límites e sen corsés centralistas, capaz de pensar Galicia en grande»
Desde o BNG «entendemos fundamental a mobilización da sociedade o vindeiro 18 de febreiro, exercendo o seu direito ao voto coa ilusión de dar paso a un goberno galego que exerza verdadeiramente como tal, da man dunha forza –o BNG- que leva demostrado que o seu único compromiso é coa sociedade galega»
«Nese compromiso de achegar as propostas á cidadanía da comarca, deseñamos unha campaña no ámbito da comarca centrada no contacto coa xente, nas localidades, nos centros de traballo; e tamén con sectores sociais que están a demandar políticas transformadoras para vertebrar a sociedade comarcal».
«Contactos sectoriais e actos públicos en todas as localidades que, contando cos que xa están a celebrarse desde hai días, sumarán perto de medio cento; e dos que o acto central, coa presenza da candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, celebraráse o domingo día 11 ao mediodía no Auditorio de Ferrol»