Moeche, prepárase para o Entroido

 
Moeche é un dos municipios da comarca onde máis querencia hai polo Entroido, a festa máis irreverente do ano en que nos convertemos no que non somos entre bromas, chanzas e troula. E se os carnavales se manteñen é porque a súa raíz ancestral segue case intacta entre a veciñanza, alentada tanto polo Concello de Moeche como polas entidades que se suman á celebración organizando bailes de máscaras e xantares.
 
Ademais tamén hai que contar co labor que fai o CEIP San Ramón incluíndo no seu programa lectivo todo o que a rapazada quere e debe saber sobre as datas que nos veñen aí. Datas para as que hai varias cousas programadas.
 
O CEIP San Ramón ten preparadas varias actividades para a cativería que se ocupan de explicar o sentido do Entroido e a grande implantación social que ten en Galicia. Pero non só iso, senón que tamén se leva á práctica deseñando e confeccionando disfraces e organizando comparsas por cursos que desfilarán no centro de ensino e que mesmo se achegarán ao Concello. O carnaval escolar culminará, coma todos os anos, coa tradicional queima do Meco.
 
No caso do Concello, o departamento de Cultura leva a celebración á Nave do Mercado de San Ramón no seu día grande: o 13 de febreiro, Martes de Entroido. Nesa xornada (festivo local) haberá, xogos, inchables, música e concurso de disfraces con premios nas categorías infantil, adulta e grupos. Comezará ás 17:00h e durante o serán tamén se servirá chocolate con churros.
 
Cocidos en San Xurxo e Labacengos
 
Outro dos días grandes do Entroido modestino será o sábado 10 de febreiro coas dúas citas que nos teñen preparadas as asociacións veciñais Val de Moeche Labacengos.
 
En San Xurxo propón un cocido que se servirá no local social do Pereiro a partir das 14:00h. O menú leva sopa, cocido, sobremesas típicas, pan, bebida e licores ao prezo de 15€ os socios e 20€  non socios. Desde a entidade indican que tamén terán animación musical. Hai que anotarse antes do 8 de febreiro chamando ao 622 916 960.
 
No caso da parroquia de Labacengos, o colectivo veciñal informa de que o seu xantar comezará ás 14:30h no local social do Ventoeiro, composto por sopa de cocido, cocido, lacón, touciño, costela, chourizo, patacas, verdura e garavanzos, pan, bebida, café, licor e doces de Entroido. O prezo é de 18€ para persoas socias e de 21€ para non socias (a cativería ata 12 anos non paga).
 
Tamén terán música, coa actuación de Suso Moeche, e un concurso de disfraces a partir das 17:00h con premios para o mellor disfrace infantil e adulto. Para o xantar pode reservarse ata o 6 de febreiro no 606 729 038

Lea también

Detenidos dos empleados de una empresa de San Sadurniño por robar 30 piezas de bronce de 700 kilos

Dos empleados de una empresa de San Sadurniño (A Coruña) han sido detenidos por la …