Formoso anima ós autónomos optar ás axudas da Deputación da Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, xunto coa deputada de Industria, Emprego e Política Demográfica, Rosa Ana García; e persoal técnico Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación, reuniuse cos presidentes e vicepresidentes da Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA), da Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE), da Asociación Coruñesa de Transportes Discrecionais e Especiais  (ACOTRADES) e da Federación Galega de Transporte de Mercadorías (FEGATRAMER).

Formoso destacou que o sector dos autónomos “é clave para a economía galega, xa que xera o 20% do total de empregos, pese ao cal o número de profesionais autónomos non deixa de baixar en Galicia nos últimos anos”. “Perdemos 12.000 autónomos desde 2016”, afirmou Formoso, “uns datos que evidencian a necesidade de accións que axuden a reverter esa situación apoiándoos no desenvolvemento dos seus negocios, xa que constitúen un dos motores do emprego na nosa comunidade”.

O presidente informou ás asociacións de autónomos que ata o 22 de febreiro está aberto o prazo de solicitude das diferentes liñas de axudas do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, cun orzamento total de 8,2 millóns de euros destinados a apoiar a contratación de persoal, o financiamento de novos investimentos que melloren a competitividade dos pequenos negocios e a sufragar os custos das cotas á Seguridade Social dos profesionais autónomos con axudas que poden alcanzar os 45.900 euros.

As persoas autónomas poden solicitar unha axuda de ata 2.400 euros para sufragar un ano de cotas á Seguridade Social, é dicir, 200 euros por cada mes de cota subvencionable, pero poden optar tamén a outras liñas do PEL.

O presidente sinalou que as axudas específicas para autónomos son, desde a súa creación, a liña con maior número de solicitudes das axudas do Plan de Emprego da Deputación.

Peticións dos autónomos

Pola súa banda, os representantes dos colectivos de autónomos resaltaron a difícil situación que están a atravesar varios sectores por falta de persoal, como o da hostalería, o da construción e, especialmente o sector do transporte, para o que solicitaron colaboración das administracións en cuestións como a formación de condutores de transporte de mercadorías.

As asociacións de autónomos e transportistas realizaron unha serie de propostas, como a de ampliar as axudas aos autónomos societarios e a aqueles que conten con máis de 5 anos de actividade empresarial. A Deputación comprometeuse a valorar estas cuestións de cara a futuras convocatorias e a continuar apoiando aos e ás profesionais autónomos, especialmente a aqueles que desenvolvan a súa actividade empresarial nas zonas rurais da provincia.

Formoso destacou que a Deputación considera vital o papel dos autónomos nas economías dos concellos rurais. É por iso que a Deputación da Coruña está a articular diferentes medidas dirixidas a concellos, empresas e á poboación en xeral onde o factor da poboación do municipio é determinante.

Neste contexto, a liña PEL-Emprende Investimento 2024, que nas convocatorias anteriores ía dirixida a persoas autónomas e pequenas empresas con domicilio fiscal en calquera concello da provincia da Coruña e unha antigüidade máxima de cinco anos, pasa a dirixirse exclusivamente a autónomos e pemes de concellos de menos de 10.000 habitantes e suprímese a esixencia de antigüidade co fin de dar resposta ao reto demográfico e contribuír ao asentamento e modernización dos negocios do rural, impulsando a creación de emprego e actividade económica nos concellos máis pequenos da provincia.

Lea también

El Gobierno estudia la implantación de una red de trenes de cercanías en Galicia

Asimismo, ha asegurado que se están analizando las fórmulas para mejorar las comunicaciones ferroviarias de …