A Deputación abre o prazo de solicitudes do PEL con axudas de ata 45.900€

A Deputación da Coruña publicou as bases da nova convocatoria de axudas do Plan de Emprego LocalPEL 2024, que este ano conta cun orzamento inicial de 8.260.000 euros destinados a apoiar a contratación de persoal en empresas, ao financiamento de novos investimentos que melloren a competitividade dos pequenos negocios e a sufragar os custos das cotas á Seguridade Social dos profesionais autónomos.

As solicitudes poderán presentarse a partir do luns 22 de xaneiro, a través da plataforma SUBTeL da Deputación da Coruña.

«No 2024, incrementamos o orzamento inicial do PEL nun 8%» afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que explicou que o PEL «permitirá seguir creando emprego e impulsando aos autónomos, aos emprendedores e aos pequenos negocios da provincia con axudas de entre 1.000 e 45.900 euros»

O presidente destacou que, con este incremento no orzamento do programa “pretendemos chegar a máis empresas e superar as 2.000 axudas concedidas o ano pasado”.

Este ano, co obxectivo de que as axudas cheguen a empresas que nunca foron beneficiarias, introdúcese un novo criterio polo cal se valorará cunha maior puntuación a aquelas que non tiveran sido aínda beneficiarias nas convocatorias anteriores das axudas PEL.

Dos 8.260.000 euros de orzamento total do PEL, 4,5 millóns de euros destinaranse a subvencionar a contratación de persoas traballadoras en pemes e microempresas, 2.760.000 euros a financiar novos investimentos en pequenas empresas de recente creación e 1 millón á liña PEL-Autónomos.

Un ano máis, todas as axudas PEL serán compatibles entre si. Deste xeito, unha persoa autónoma con domicilio fiscal e centro de traballo nun concello de menos de 10.000 habitantes podería optar a un total de 45.900 euros entre as liñas de axudas convocadas.

Liña de axudas PEL

Axuda máxima

PEL-Emprende Investimento

17.500 €

PEL-Autónom@s

2.400 €

PEL-Pemes Contratación

15.000 €

PEL-Pemes Mantemento

11.000 €

TOTAL

45.900 €

PEL-PEMES financia ata o 70% do salario das novas contratacións

A liña PEL-Pemes para novas contratacións, destinada a pemes, microempresas e autónomos que conten con domicilio fiscal e centro de traballo nun concello de menos de 20.000 habitantes, ve incrementado o seu orzamento inicial nun 20% respecto da anualidade anterior, pasando de 2,9 millóns de euros a 3,5 millóns euros.

Cada peme poderá solicitar a subvención para a contratación dun traballador durante un período máximo de 12 meses dentro da anualidade 2024, durante os cales a subvención cubrirá ata o 70% dos custos salariais totais da persoa traballadora. O contrato deberá formalizarse por unha duración mínima de 6 meses.

A contía máxima da subvención a conceder será o 70% dos custos estimados de contratación, cun límite de 15.000 euros anuais para as contratacións a xornada completa.

Pola súa banda, as axudas de PEL-Pemes para o mantemento do cadro de persoal destinarán un millón de euros para sufragar o mantemento dos postos de traballo indefinidos creados ao abeiro da axuda PEL-Pemes Creación e Ampliación 2023

Neste caso, a contía máxima da subvención a conceder será o 50% dos custos estimados de contratación co límite de 11.000 euros polo mantemento durante os 12 meses da anualidade 2024 dun contrato indefinido a xornada completa no que a persoa contratada pertenza a algún dos colectivos vulnerables (inscrito como desempregado de longa duración nos Servizos Públicos de Emprego, muller, menor de 30 anos, maior de 45 anos ou persoa con diversidade funcional) e de 10.000 euros polo mantemento durante 12 meses de 2024 dun contrato indefinido a xornada completa ou a parte proporcional correspondente naquelas contratacións realizadas a tempo parcial.

Axudas de 2.400 euros para apoiar aos profesionais autónonomos

A Deputación da Coruña recoñece o importante papel que xogan os autónomos no tecido económico provincial e destina en 2024 un millón de euros á liña PEL-Autónomos, tras a boa acollida que ano tras ano ten este programa, un dos que máis solicitudes recibe.

Ao igual que na anualidade anterior, convócase esta axuda destinada ás persoas autónomas da provincia que conten con menos de cinco anos de antigüidade na actividade empresarial e con domicilio fiscal en concellos de menos de 20.000 habitantes. A principal novidade en 2024 é que se simplifican os trámites de xustificación das axudas.

As persoas autónomas poden solicitar unha axuda máxima de ata 2.400 euros para sufragar ata un ano de cotas á Seguridade Social, é dicir, 200 euros por cada mes de cota subvencionable. Establécese tamén como requisito que a persoa beneficiaria solicite un mínimo de seis mensualidades de cotas sociais correspondentes o ano 2024, é dicir, unha subvención mínima de 1.200 euros.

PEL-Emprende, 2,7 millóns para fortalecer ás pequenas empresas do rural

Na anualidade 2024 a liña PEL-Emprende Investimento pasa a estar dirixida a persoas autónomas, pemes e microempresas que conten con domicilio fiscal   centro de traballo en concellos da provincia de menos de 10.000 habitantes, co fin de promover a economía local dos concellos rurais co obxectivo de facer fronte ao reto demográfico.

A través desta liña destinaranse 2.760.000 euros en axudas que cubrirán ata o 70% dos investimentos realizados en aplicacións informáticas, maquinaria, mobiliario ou equipos para procesos de información, cun importe máximo a conceder de 17.500 euros.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde as 8.00 horas do 22 de xaneiro ata as 14.00 horas do 22 de febreiro de 2024 e realizarase de xeito telemático, a través da plataforma SUBTeL da Deputación: https://sede.dacoruna.gal/subtel/

A Deputación da Coruña, a través do Plan de Emprego Local (PEL), continúa amosando o seu apoio ao tecido empresarial da provincia, co obxectivo de acadar uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión do territorio.

Estas axudas tratan de adoptar medidas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da provincia e sostemento dos negocios, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a mellora da competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

Máis información sobre o Plan de Emprego Local e a tramitación das axudas en:
https://pel.gal

Lea también

La borrasca Caetano deja vientos de más de 130 kilómetros por hora en Viveiro y lluvias de 60 litros por m2 en Abadín

La borrasca Caetano, que este jueves ha obligado a activar diferentes alertas naranja y amarilla …