A UDC participa nun proxecto que estuda o uso da ostra plana para restaurar ecosistemas degradados

Persoal investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC) en colaboración con persoal da Universidade da Coruña e a Universidade do País Vasco (UPV/EHU) inicia o proxecto MIToYSTER, que avaliará o impacto da contaminación na capacidade de depuración da ostra plana (Ostrea edulis), unha iniciativa que se propón como una solución baseada na natureza para a restauración de ecosistemas degradados e que terá a lagoa do Mar Menor como caso de estudo.

O obxectivo deste proxecto é avaliar como afecta a contaminación ao estado biolóxico desta especie e se modifica a súa capacidade para restaurar ecosistemas eutróficos, aqueles que teñen exceso de nutrientes. Para iso, o equipo científico avaliará, tanto no laboratorio como no mar, a capacidade de extracción de nutrientes da ostra plana en condicións eutróficas, e o efecto da contaminación sobre a súa capacidade de extracción de nutrientes e sobre a súa capacidade de bioacumulación de contaminantes.

Dado que os efectos dos contaminantes dependen da fisioloxía e metabolismo de cada etapa do ciclo de vida, consideraranse diferentes etapas do ciclo da ostra: larvas, sementes, xuvenís e adultos. O estado de saúde xeral de cada etapa do desenvolvemento avaliarase utilizando diferentes tipos de respostas biolóxicas: bioquímicas, celulares, fisiolóxicas, de comportamento e reprodutivas. A capacidade de extracción de nutrientes das ostras estimarase a partir de medicións de crecemento real e mediante taxas fisiolóxicas globais involucradas no balance enerxético: taxa de aclaramento, taxa de inxestión, taxa de absorción e taxa de respiración.

O proxecto nace do traballo colaborativo entre o Grupo de Contaminación Mariña do IEO, o Grupo de Química Analítica Aplicada da UDC e o Grupo de Ecofisioloxía e Ecotoxicoloxía de Organismos Acuáticos da UPV/EHU, grupos que xa teñen colaborado noutros proxectos anteriores. “A confluencia dos tres grupos de investigación permitiu elaborar unha proposta multidisciplinar, transversal e integrada que afrontará o reto científico de comprender a interacción entre a contaminación e a capacidade de extracción de nutrientes da ostra e as súas consecuencias para a restauración de ecosistemas degradados”, explica Juan Bellas, un dos investigadores principais do proxecto no IEO.

“Para acadar os obxectivos do proxecto é imprescindible o traballo coordinado dos tres grupos de investigación, que combinan coñecementos e experiencia na avaliación da contaminación dos ecosistemas mariños, no estudo da fisioloxía dos bivalvos e nas análises químicas de contaminantes”, engade Mariña Albentosa, a outra investigadora principal do proxecto.

Ademais, o consorcio conta cunha rede de colaboradores doutras organizacións como a Universidade de Dalhousie (Canadá), o Instituto de Ciencias do Mar do CSIC, Fisheries and Oceans Canada, a Asociación de Naturalistas do Sureste, e a Native Oyster Restoration Alliance.

O proxecto vai en liña cos obxectivos da Década das Nacións Unidas para a Restauración de Ecosistemas, que ten a finalidade de deter a degradación dos ecosistemas que fosen degradados ou destruídos, así como conservar os ecosistemas que aínda están intactos, para lograr obxectivos globais, baseándose na premisa de que só os ecosistemas saudables poden mellorar os medios de vida das persoas, contrarrestar o cambio climático e deter o colapso da biodiversidade.

Lea también

Los trabajadores de Navantia Ferrol secundarán este jueves un paro de 24 horas

Los trabajadores de Navantia Ferrol han aprobado este lunes, en asamblea, secundar el próximo jueves, …