Máis de 200 persoas participan en Narón na comitiva da Cabalgata dos Reis Magos

 
Algo máis de 200 persoas participarán este venres 5 na comitiva da Cabalgata dos Reis Magos na súa chegada a Narón.
 
Ás 18:00 horas sairán da praza do colexio de Xuvia para dirixirse, pola estrada de Castela, ata a Praza de Galicia, onde algo antes das 20:00 horas está prevista a recepción dos Magos de Oriente. “A luz da ilusión” é o título do espectáculo de gran formato que se desenvolverá este ano na cidade, presidido por unha gran estrela luminosa e unha chea de estreliñas.
 
Un total de oito combos forman parte desta proposta, con dúas grandes estrelas fugaces zancudas que interactuarán co público, a Mensaxeira Real acompañada por seis altísimos faunos de xeo e varias cartas escritas aos Magos de Oriente polos nenos de Narón e un gran camelo para anunciar a chegada de Melchor, Gaspar e Baltasar.
 
Ademais, trala carroza de Melchor irá a de Gaspar, con fadas, zancudos, malabaristas… e a de Baltasar, con enormes flores de Oriente.
 
A Maruxaina e o séquito do Capitán Nemo, o Crebanoces e os soldadiños de chumbo estarán tamén moi presentes na comitiva, que pechará o combo do turrón e o carbón.
 
Algo máis de medio cento de nenas e nenos de Narón acompañarán aos Reis Magos nas súas carrozas e irán como paxes neste percorrido, que amenizarán a Banda de Gaitas do Padroado da Cultura e a Xove Banda de Narón, da Agrupación Cultural Musical Sementeira durante todo o tramo e onde tamén estarán integrantes da Escola de Danza de Narón.
 
Unha vez na Praza de Galicia, a alcaldesa, Marián Ferreiro, e os voceiros dos grupos municipais da corporación local recibirán aos Reis Magos, que se dirixirán ao interior da carpa instalada na citada ubicación para falar cos nenos que se acheguen ata alí.
 
Dende o Concello animouse á cidadanía de Narón e doutros concellos a ver a chegada dos Magos de Oriente a Narón, cunha proposta única deseñada para que a luz da ilusión ilumine as rúas e os corazóns dos nenos de Narón e tamén dos non tan nenos.

Lea también

Un hombre herido al ser atropellado en un paso de peatones en la carretera de Castilla, en Narón

Un hombre resultó herido sobre las 8,30 horas de este miércoles al ser atropellado en …