San Sadurniño e Aldebarán asinan o convenio para soster as escolas de volei

Secundino García e Rubén Sixto, secretario do Club Aldebarán de San Sadurniño, reuníronse na Casa do Concello para subscribir a subvención nominativa en favor da entidade coa finalidade de soster a escola desta disciplina, que conta neste momento con máis de 70 deportistas distribuídos en nove equipos, tanto masculinos como femininos, desde benxamíns até xuvenís.

O importe da achega para todo este 2024 ascende a 30.000 euros e implica, ademais, o compromiso do club coa igualdade e a súa colaboración no desenvolvemenbto doutras actividades organizadas polo consistorio.

Tal e como recolle o texto da subvención nominativa, o Aldebarán “leva desenvolvendo dende a súa creación un labor de adestramento, integración e participación da mocidade, contando na actualidade coa participación de moitos rapaces e rapazas practicando este deporte en diferentes categorías deportivas, especialmente nas idades máis novas, o cal incide na proxección e na mellora da imaxe do municipio”.

O Concello pretende por medio do convenio “afianzar o desenvolvemento da actividade deportiva con proxección de futuro”, contando para iso coa “experiencia e capacidade organizativa” do club local en todas as actividades relacionadas coa “promoción e difusión por todo o territorio galego, e incluso estatal, deste deporte minoritario”.

O acordo subscrito este mediodía na Casa do Concello por Secundino García e Rubén Sixto, secretario do Aldebarán, encoméndalle ao club a xestión das escolas municipais da disciplina durante 9 meses e por outra banda concédelle ao club acceso preferente, que non exclusivo, ás instalacións do pavillón municipal para adestrar e para os encontros que xoguen os seus equipos.

Tamén lle ofrece a posibilidade de xestionar a publicidade estática ou móbil das instalacións, como xeito de colaborar co sostemento financieiro da entidade.

Alén de xestionar as escolas, o CV Aldebarán San Sadurniño comprométese a colaborar co consistorio na organización e realización de xornadas deportivas, a implicarse nas campañas de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero e a mostrar a marca da imaxe visual do Concello en toda a cartelaría, folletos e publicidade en xeral editada con ocasión do desenvolvemento de actos deportivos.

Igualmente, a escuadra de Superliga 2 tamén deberá lucir na equipación o logotipo do Xeoparque Cabo Ortegal.

70 participantes nas escolas, só en San Sadurniño

Aldebarán conta cun equipo profesional xogando nos postos de cabeza da división de prata estatal. De feito, o grupo de SM2 dirixido por Pablo Gómez Parga finalizou a primeira rolda ligueira en segundo posto do Grupo A e en cuestión de días, do 12 ao 14 de xaneiro, disputará na localidade cántabra de Cabezón de la Sal a XVII Copa Príncipe xunto cos outros cinco equipos que encabezan os tres grupos da competición.

Ademais do primeiro equipo, o Aldebarán tamén conta neste momento con 70 rapazas e rapaces integrantes da escola de base, repartidos polas escuadras benxamín, alevín, invantil, cadete e xuvenil.

Por outra banda, o club agarda consolidar neste 2024 o plan de difusión do volei na comarca iniciado trala pandemia. Neste momento ten en marcha un grupo de adestramento de 20 nenos e nenas no colexio Cristo Rey de Ferrol, outro con 40 compoñentes en Ortigueira e en breve iniciarán o traballo con 30 rapazas e rapaces no Concello de Cedeira.

En breve podería confirmarse tamén o arranque da escola na localidade de As Pontes.

Lea también

La judoca June Moreno campeona del sector oeste del Cto de España Absoluto

El domingo 17 se disputó en La Coruña el Trofeo Teresa Herrera “Sector Oeste del …