O alcalde de Cedeira, Diego Pablo Moreda Gil, e o concelleiro de Mocidade, Noel López, participaron recentemente na sesión de arranque do cuarto proceso de Orzamentos Participativos no IES Punta Candieira.
Un ano máis, o Concello implica neste programa ao alumnado de terceiro curso de ESO, confiándolle a decisión sobre o investimento de 20.000€. Un parque de calistenia e un ciclo de auto-cine, a mellora da pista do Floreal e a compra de novo equipamento para o ximnasio municipal foron as actuacións acometidas nas tres edicións anteriores.
Os orzamentos participativos, tal e como destaca o alcalde, representan un exercicio de democracia no que os rapaces se implican con moito entusiasmo e interese. Son unha fórmula para aprender como funciona a administración local, cales son os seus órganos de decisión e áreas de xestión, os trámites que hai que cumplimentar, etc.
O proceso abrangue o debate do alumnado sobre as necesidades que detectan na súa vila e a elaboración de propostas, que despois serán votadas e deberán pasar polos servizos administrativos do Concello para seren orzamentadas e validadas, no sentido de comprobar que son viables técnica e economicamente.
Segundo o calendario previsto, o alumnado participará de xaneiro a marzo en diferentes obradoiros nos que coñecerán como funciona o Concello, reflexionarán sobre as necesidades do pobo e elaborarán os seus proxectos.
En abril analizaranse as propostas polos servizos municipais e xa no mes de maio está previsto que se celebre no instituto a asemblea na que os rapaces votarán entre os diferentes proxectos para elixir aquel ou aqueles que irán ao pleno.
Nese mesmo mes de maio presentarase a resolución ante a corporación para a súa aprobación definitiva. Cómpre recordar que a experiencia de Orzamentos Participativos de Cedeira foi exposta no mes de decembro en Santiago, no marco das V Xornadas Formativas de Cidades Amigas da Infancia, como exemplo de participación a mocidade no proceso de decisión dunha administración pública.
Acudiron ao acto tres representantes do Consello Local da Infancia e a Adolescencia de Cedeira, que xa antes, en novembro, tivo a súa estrea no XI Foro da Infancia que Unicef celebrou no Parlamento de Galicia.
En ambos os dous actos, os voceiros e voceiras da mocidade de Cedeira destacou a importancia de participar no deseño de políticas públicas que tamén lles afectan.