O Concello de San Sadurniño solicitou no verán dúas liñas de subvencións convocadas pola Consellaría de Medio Ambiente, con financiamento dos fondos NEXT Generation, de cara a mellorar a recollida separada do lixo orgánico e fomentar a compostaxe entre a veciñanza.
Os proxectos presentados polo consistorio, centrados na formación do persoal municipal e nunha ampla campaña informativa, cuantificáronse en algo máis de 29.000 euros.
A resolución comunicada recentemente pola Xunta achegará o 90% do financiamento necesario para levar a cabo o programa durante este 2023 e, sobre todo, ao longo do ano 2024.
A convocatoria de subvencións para municipios publicouse no mes de xuño encadrada no marco do Plan de recuperación e resiliencia sostido cos fondos da Unión Europea-Next Generation EU, coa finalidade de financiar programas de mellora da xestión dos residuos orgánicos que se executen no bienio 2023-2024.
Neste sentido, San Sadurniño concorreu ás liñas 1 e 2 da orde con cadanseu proxecto e un obxectivo común: continuar ampliando e reforzando a participación veciñal na compostaxe doméstica como xeito máis efectivo de baixar custes de transporte e tratamento, o orgánico é a fracción que máis pesa na bolsa do lixo, así como favorecer un modelo de reciclaxe en orixe máis sostible desde o punto de vista ambiental.
Así, no caso da liña 1, o Concello presentou un proxecto de 15.511,11 euros que obtivo unha achega autonómica de 13.960 euros co que se levará a cabo unha campaña de sensibilización entre a veciñanza sobre as vantaxes da compostaxe.
Compostando restos orgánicos, en depósitos especiais ou nas esterqueiras de toda a vida, pódese obter un fertilizante da máxima calidade para plantas e morteiros ao tempo que se contribúe a minimizar a emisión á atmosfera de gases de efecto invernadoiro, xa que canto menos lixo orgánico se bote nos colectores, menos recursos enerxéticos farán falla para tratalo de maneira adecuada.
Alén de seguir concienciando ás veciñas e veciños, que en moitos casos xa fan compostaxe caseira desde hai anos, o Concello tamén ten pretende que o persoal municipal, sobre todo o encargado do sistema de recollida, coñeza todos os detalles do sistema e as particularidades dos procesos que se producen durante a compostaxe ou a dixestión anaerobia.
A idea é que os traballadores poidan ofrecer información puntual, solventarlles dúbidas ás persoas usuarias e facer un seguimento exhaustivo dos resultados, contando para iso cunha formación o máis ampla posible. Esa é, precisamente, a finalidade do proxecto presentado á liña 2 das subvencións, cuantificado en 13.960 euros e beneficiario dunha achega de 12.564 (igualmente o 90%).
As actuacións subvencionadas xa comezaron a executarse en canto a planificación de contidos da campaña e da formación, aínda que será ao longo de 2024 cando se leve á práctica a maior parte do programa, que tamén prevé a publicación de distintos materiais de difusión.