A programación navideña prosegue en Narón nos vindeiros días

A programación de Nadal continúa desenvolvéndose esta semana en Narón; Este martes 26 terá lugar nas instalacións da Biblioteca municipal un obradoiro de Cantos de Nadal, 17:30 horas, organizado en colaboración coa Asociación de Comerciantes de Narón e no que os participantes percorrerán tamén algúns establecementos comerciais da cidade amenizando cos seus cantos.

Na xornada do venres 29 de decembro celebrarase o xa tradicional concerto de Fin de Ano, no que actuarán a Xove Banda de Narón e a Banda Infantil da Agrupación Cultural Musical Sementeira.

A cita musical dará comezo ás 19:30 horas no Pazo da Cultura e as entradas teñen un prezo de dous euros, podendo adquirilas no despacho de billetes do Pazo da Cultura.

Este domingo 31 será a tradicional San Silvestre naronesa, “A Trintaeundoce”, organizada en colaboración coa Agrupación Deportiva Náutico de Narón. Preto de 300 persoas están inscritas polo momento, ás 23:59 horas rematará o prazo de inscrición a través da web: www.galitiming.com. A xornada dará comezo ás 16:30 horas na estrada de Castela, á altura da rotonda de Freixeiro, de onde sairán e onde se fixará a meta dos percorridos que se realizarán nas diferentes categorías.

O día 1 de xaneiro, coa chegada do novo ano haberá unha sesión de fogos de artificio e tamén na Praza de Galicia, a partir das 01:00 horas, a tradicional festa de Fin de ano, na que actuarán a orquestra Olympus e o grupo Claxxon, con entrada de balde.

A maiores, continúa en funcionamento o Navitrén, con saídas cada hora entre as 11:00 e as 13:00 e dende as 16:00 ata as 20:00 horas pola cidade. Pode collerse na estrada de Castela, á altura da Casa da Cultura, debendo obter os tickets das viaxes coas compras realizadas nos establecementos comerciais da cidade adheridos á campaña, que se organiza en colaboración coa Asociación de Comerciantes de Narón.

O tren realizará viaxes ata o sábado 30, incluído, para retomalas os días 2, 3 e 4 de xaneiro. Continúan tamén os Poboados de Nadal na Praza da Gándara, abrindo as súas portas ata o 5 de xaneiro, excepto o 1 de xaneiro, de 17:00 a 20:00 horas. Exhibicións de baile, concertos, obradoiros para nenos, pintacaras… forman parte das propostas que se levan a cabo.

 

Lea también

El BBCA masculino cae en el primer partido de la lucha por el ascenso ante SD Tui

Tiro en el pie del Costa Ártabra en el estreno de la segunda fase, en …