“Talento Interxeracional” impulsado polo Concello das Pontes

O Concello das Pontes puxo en marcha, no mes de maio o proxecto de voluntariado “Talento Interxeracional”, que, en palabras de Tania Pardo Cabarcos, concelleira de Benestar Social “ten como fin combater a soidade non desexada das persoas maiores das Pontes, facilitando, ao mesmo tempo unha aprendizaxe bidireccional entre persoas maiores e novas e promovendo unha maior activación social do voluntariado nas Pontes”.

Na primeira fase do proxecto realizouse a procura de persoas voluntarias interesadas en participar no mesmo, contactando e informando principalmente o tecido asociativo das Pontes (asociacións de veciños/as, culturais e deportivas), concluíndo nunha presentación pública do proxecto no mes de xuño. A continuación conformouse un grupo de 10 persoas voluntarias, cunha ampla diversidade en canto á súa idade, xénero e nacionalidade, que durante o mes de setembro recibiron formación por parte da ONGD Sen Valos co fin de deseñar e poñer en marcha iniciativas solidarias desde o voluntariado enfocadas aos obxectivos do Proxecto “Talento Interxeracional”.

Do traballo colaborativo das persoas voluntarias xurdiron dúas iniciativas solidarias que se puxeron en marcha este último trimestre do ano 2023: En primeiro lugar puxéronse en marcha talleres conxuntos entre persoas maiores e novas e, a continuación, organizáronse actividades recreativas e lúdicas coas persoas maiores.

Para o primeiro tipo de actividade, desenvolvéronse talleres conxuntos entre nenos/as, novos e persoas maiores nos meses de novembro e decembro, que empezaron no IES Castro da Uz, coa participación de alumnado de 1o, 2o, 3o e 4o da ESO e continuaron no mes de decembro no CEIP A Magdalena, co alumnado de infantil e primaria (de 3 a 12 anos), sumando máis de 600 escolares participantes nos talleres.

O obxectivo destas actividades foi a de ensinar aos/as nenos/as e mozos a coser e a poñer en valor aquelas habilidades das nosas persoas maiores que actualmente se descoñecen ou están en desuso. A través deste exercicio o alumnado afastouse das pantallas e descubriron outro tipo de actividades que lles conectaron coa nosa xeración de persoas maiores, adquirindo consciencia da sabedoría, valores e riqueza que os nosos maiores achegan á sociedade.

Lea también

Rueda subraya la inversión en infraestructuras del agua en Ares para impulsar el turismo de calidad

El presidente de la Xunta destaca la necesidad de servicios «a la altura» del entorno …