A Área Sanitaria de Ferrol participa no proxecto Procure4Health

A Área Sanitaria de Ferrol convérteuse este xoves en epicentro do proxecto europeo Procure4Health, co que se pretende potenciar o emprego da compra pública innovadora. Así, o xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva; e o subdirector de Sistemas e Tecnoloxías da Información, Javier Quiles del Río, recibían a algúns dos integrantes deste proxecto de Andalucía e Aragón, e conectábanse nunha reunión co resto dos compañeiros, no Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

Este intercambio de información, organizado pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), é outro paso máis neste eido, xa que Javier Quiles viaxaba hai ó redor dun mes a Murcia para participar na reunión do Consorcio do proxecto europeo cunha trintena de socios deste proxecto Procure4Health.

A Compra Pública de Innovación é unha ferramenta para fomentar a innovación dende o sector público, a través da adquisición de solucións innovadoras ou de solucións en fase de desenvolvemento que contribúan a traer un beneficio para o sistema, neste caso, sanitario, aglutinando as mellores ideas, e tecendo relacións coa rede empresarial do entorno; Innovasaúde ou o Hospital 2050 son algunhas desas iniciativas en Galicia.

Durante este encontro, os asistentes falaron de proxectos como Innovatrial, que é unha plataforma que optimizará todo o proceso e a xestión dos estudos de investigación biomédica e en ciencias da saúde. Tamén fixeron referencia a Hexin, que sistematiza, recolle e permite facer procuras na información da Historia Clínica Electrónica (Ianus) para investigación ou con fins asistenciais, con tódalas garantías de protección de datos.

De xeito específico, os visitantes andaluces e aragoneses trasladáronse ó Servizo de Anatomía Patolóxica do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol para coñecer o desenvolvemento de Tartaglia, que implica a dixitalización da imaxe neste ámbito. A Área Sanitaria de Ferrol é a única de Galicia en participar neste proxecto nacional, que establece unha rede federada de datos para desenvolver algoritmos de intelixencia artificial para acelerar a investigación sanitaria.

Lembrar que o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol participa xunto con outras comunidades, Cataluña, Valencia, e A Rioja, en crear unha plataforma de datos coa que establecer modelos analíticos e preditivos no eido, concretamente na Área ferrolá, do cancro de próstata e da retinopatía diabética. Así, trabállase no adestramento de algoritmos de Clasificación Automática de Retinopatía Diabética e algoritmos de Identificación de Cancro de Próstata baseados en datos clínicos e radiolóxicos e en imaxes dixitalizadas de Anatomía Patolóxica.

Coñeceron tamén ó longo da xornada o Sistema de información de Urxencias Sigur, que permite facer un seguimento informatizado do proceso asistencial neste Servizo. Do sistema de Historia Clínica Integrada Ianus 5, a última evolución do Ianus. Lembrar neste eido que xa Galicia era hai anos das primeiras en desenvolver a Historia Clínica Integrada, con Ferrol como Área de pilotaxe para esta importante mellora a nivel tecnolóxico e de xestión de contidos clínicos.

Por último, tamén coñeceron Nazzar, que é un sistema de información para a xestión da Unidade de Terapia Intravítrea coa que conta a Área Sanitaria de Ferrol. É un software de xestión de datos que permite analizar a actividade desta Unidade. Un sistema informático propio que analiza e estuda a evolución dos pacientes con enfermidades susceptibles de se tratar mediante terapia intravítrea, e, igualmente, dota de de ferramentas de xestión e auditorías ás mesmas. A ferramenta Nazzar tense despregado en Ferrol como primeiro centro de España o pasado xullo.

Nazzar é un sistema integrado que converte os datos xerais en datos estruturados segundo as necesidades dos e das profesionais, e permite interactuar con eles na historia clínica do paciente. Carga de xeito automático listas de traballo e información da cita e tratamentos dos distintos pacientes, unificando cuestións clave para que o profesional teña á hora da consulta como antecedentes, alerxias, ou prescricións, entre outras cuestións. Conta tamén cun sistema de alertas ó profesional usuario sobre os valores numéricos en relación coa patoloxía en caso de que estes non estean nos rangos establecidos.

Lea también

Ortigueira, galardonada en el I Premio ‘Pioneiros da Pizarra’

El Concello de Ortigueira ha sido reconocido con el I Premio ‘Pioneiros da Pizarra’, un …