O deseñador galego Jorge Vázquez imparte unha conferencia no Campus Industrial de Ferrol

Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol

O creador da marca de roupa prêt-à-porter JV, o deseñador galego Jorge Vázquez, imparte este xoves, 21 de decembro, ás 17:00 horas, na Aula Magna da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, unha conferencia sobre o presente e o futuro da moda de autor española considerada por moitos un referente do slow fashion internacional.

Jorge Vázquez naceu en Betanzos (A Coruña) e con tan só con 18 anos comezou a traballar no grupo Inditex. Finalizou os seus estudos de deseño nos Estados Unidos e traballou para grandes firmas como Antonio Pernas, Ángel Schlesser ou Fun & Basics. No ano 2002 presentou a súa primeira colección na Pasarela Cibeles de Madrid baixo a súa propia marca.

Un tempo despois, en 2006, asumiu a dirección creativa do prêt-à-porter para muller de LOEWE e empezou a colaborar co grupo El Corte Inglés como coordinador e supervisor das súas firmas femininas. Máis recentemente, entre os anos 2019 e 2023, Jorge Vázquez foi o director creativo da firma de alta costura Casa Pertegaz de Barcelona. Ao longo da súa carreira, o traballo deste deseñador galego foi recoñecido pola crítica e máis polo público con numerosos galardóns como son o Premio L´Oreal á Mellor Colección nos anos 2016 e 2018.

A conferencia, impulsada desde o Campus Industrial da Universidade da Coruña, está dirixida ao alumnado do grao en Xestión Industrial da Moda, titulación multilingüe que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación, e aberta a toda a comunidade universitaria e ao público en xeral interesado.

A inscrición pode realizarse a través dun formulario web , enviando un correo electrónico a comunicacion.campus.industrial@udc.gal ou ben chamando ao 881 01 3621 antes das 15:00 horas do mércores 20 de decembro.

Lea también

Detenido en Canido uno de los principales proveedores de droga a Ferrol, con 3,5 kilos de cocaina

La Policía Nacional detuvo a un hombre en Ferrol como presunto autor de un delito …