O PSdeG-PSOE reivindicou en Ferrol os investimentos realizados polo Goberno de España durante os últimos anos na cidade e na súa comarca

O PSdeG reivindica os 8.000 millóns de euros de investimento nos estaleiros de Ferrol e reclama a Rey Varela que cumpra cos seus compromisos coa cidade.

Representantes do PSdeG-PSOE no espigón de Caranza (Ferrol) | Foto PSdeG-PSOE

O PSdeG-PSOE reivindicou este sábado en Ferrol os investimentos realizados polo Goberno de España durante os últimos anos na cidade e na súa comarca, destacando especialmente a aposta polo sector naval, a modernización das infraestruturas e a creación de emprego. Os socialistas tamén cuestionaron as recentes declaracións do alcalde, José Manuel Rey Varela, sobre a actuación do Executivo central en Ferrol. 

O encontro, celebrado no espigón de Caranza no marco da campaña das eleccións xerais do próximo 29 de novembro, contou coa participación de Julián Reina, candidato número dous ao Congreso; Alejandro García Sousa, candidato ao Senado pola comarca; Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral provincial do PSdeG; e Rosa Ana García, deputada provincial, ademais de alcaldes, voceiros, concelleiros e outros cargos públicos e orgánicos das comarcas de Ferrolterra e Ortegal. 

O secretario xeral provincial do PSdeG, Bernardo Fernández Piñeiro, lembrou que en 2014 o propio Rey Varela celebraba o anuncio do Goberno de Mariano Rajoy dun investimento de 200 millóns de euros para a construción dun novo buque, ao considerar que suporía unha importante carga de traballo para os estaleiros da comarca. 

«Daquela, con 200 millóns de euros de investimento, Rey Varela falaba dun gran anuncio para o naval e para a comarca de Ferrolterra. Agora, con 8.000 millóns de euros de investimento do Goberno de España nos nosos estaleiros, di que Ferrol está paralizado», criticou Fernández Piñeiro. 

O secretario xeral provincial defendeu que o compromiso das administracións cos territorios debe medirse a través das actuacións realizadas e dos investimentos executados. 

Neste sentido, destacou a nova fábrica de sub-bloques de Navantia, cun investimento próximo aos 50 millóns de euros, o programa de construción das fragatas F-110, a modernización das F-100 e os novos contratos de construción naval, ademais das actuacións relacionadas coa conexión ferroviaria do porto exterior. 

«O nivel de compromiso dos partidos coas institucións mídese con feitos. E eses son os feitos que demostran o compromiso do Goberno de España con Ferrol», subliñou. 

Fernández Piñeiro reivindicou tamén as políticas de revalorización das pensións, o incremento do salario mínimo e a reforma laboral, destacando a súa contribución á mellora das condicións de vida da cidadanía. 

«Nesta comarca hai unha carga de traballo importantísima e unha xeración de emprego como non se vía desde hai décadas. E iso, guste ou non a algúns, está directamente relacionado coa acción do Goberno de España presidido por Pedro Sánchez», afirmou. 

Pola súa banda, o candidato número dous do PSdeG ao Congreso, Julián Reina, cuestionou as críticas do alcalde ao Goberno central en relación cos proxectos da estación intermodal e das 300 vivendas previstas nos terreos do antigo cuartel Sánchez Aguilera. 

Reina explicou que ambas as actuacións están condicionadas polo desenvolvemento urbanístico deste ámbito e responsabilizou o actual goberno municipal do atraso acumulado na súa tramitación. 

«Para que a intermodal se poida implantar nesta cidade é necesario que estea rematado o Sánchez Aguilera. A súa urbanización leva tres anos e medio de atraso e estaba nas mans do alcalde avanzar neste proxecto», denunciou. 

O candidato socialista trasladou a mesma crítica ao proxecto de construción das 300 vivendas comprometidas polo Goberno de España no antigo recinto militar. 

«Non sei se o alcalde pensa que as 300 vivendas flotan no aire. Se non hai urbanización é porque non fixo o seu traballo. Mentres tanto, o Goberno de España mantén o seu compromiso coa vivenda e pode avanzar nas actuacións do Cuartelillo de Mariñería», sinalou. 

Reina tamén lembrou o compromiso do Ministerio de Defensa co proxecto de Abrir Ferrol ao Mar e puxo en valor o acordo acadado durante o anterior mandato municipal, con Ángel Mato como alcalde. 

«En lugar de poñerlles deberes aos demais, o que ten que facer Rey Varela é poñerse a traballar e cumprir cos compromisos que ten con Ferrol», afirmou. 

Preguntado polos medios de comunicación sobre as declaracións de Miguel Tellado, que situou A Coruña entre as provincias clave para o PP nas próximas eleccións xerais, Bernardo Fernández Piñeiro destacou o peso demográfico e a importancia da representación parlamentaria da provincia, pero incidiu en que o compromiso socialista co territorio vai máis alá dos resultados electorais. 

«Para nós A Coruña é prioritaria desde o punto de vista electoral, pero non só é esa a nosa prioridade. A nosa prioridade é de xestión. Traballamos para todos e todas, independentemente da provincia na que vivan«, explicou. 

O secretario xeral provincial defendeu a igualdade entre territorios e a necesidade de garantir as mesmas oportunidades de emprego, acceso aos servizos públicos e protección social ao conxunto da cidadanía, independentemente do seu lugar de residencia. 

Os socialistas reiteraron o seu compromiso co desenvolvemento industrial de Ferrolterra, Eume e Ortegal e coa continuidade dos investimentos públicos destinados á modernización das infraestruturas, á creación de emprego e á mellora das condicións de vida da veciñanza. 

Lea también

O PSdeG inicia a campaña en Ferrol reivindicando o emprego industrial, as pensións e os investimentos do Goberno de España na comarca

O candidato número 2 ao Congreso, Julián Reina, destaca no acto de presentación do cartel electoral …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Responsable: Galicia Artabra Comunicaciones, S.L. Finalidad: gestionar su comentario. Legitimación: su consentimiento. Derechos: acceso, rectificación, supresión y otros, según la política de privacidad.