Narón organiza obradoiros de Nadal, reciclaxe, contacontos e unha exposición

O Concello de Narón organizou varias actividades para esta semana dirixidas a público familiar e infantil.  A Biblioteca municipal do Alto e o centro cívico social do Couto acollerán estas propostas, todas elas de balde e que nalgúns casos precisan inscrición previa.

As concellerías de Bibliotecas, dirixida pola edil Olga Ameneiro, e Política Lingüística, á fronte da que está a concelleira María Lorenzo, programaron estas actividades. A primeira das citas será este venres 15 na Biblioteca, onde terá lugar un contacontos para público adulto. “Os contos do fillo da Luca” é o título desta proposta, dirixida a público adulto (maiores de 14 anos) e que dará comezo ás 19:30 horas.

Damián Alonso interpretará unha serie de historias recopiladas, máis ou menos coñecidas. O fillo da Luca contará de onde ven, falará da súa infancia e das historias que o marcaron ou fixeron reflexionar ao longo da súa vida. A asistencia ao espectáculo é libre ata completar o aforo da sala.

Outra das propostas que acollerá a Biblioteca municipal é un obradoiro de Nadal, este sábado 16 ás 11:00 horas. Os nenos que acudan, a partir de 4 anos, realizarán elementos decorativos do Nadal para os seus fogares, como bolas de Nadal, entre outros.

Esta actividade, de balde, precisa inscrición previa, debendo realizala a partir deste martes 12 ás 16:00 horas de xeito presencial nas citadas instalacións ou chamando ao número de teléfono 981 382 173

Os participantes, que deberán estar acompañados por unha persoa adulta, teñen que ter o carné da rede de bibliotecas sen sancións pendentes. Unha visita á exposición artística “Espacio especial”, de Saila Chao, é outra das iniciativas impulsadas dende o Consistorio.

A sala multiusos da planta soto da Biblioteca acolle esta mostra de trinta acuarelas de Saila Chao, veciña de Narón, que se pode ver ata o vindeiro 31 de decembro. O horario de visita é de luns a venres de 17:00 a 20:00 e os sábados de 10:00 a 13:00 horas.

Saila Chao, aínda que naceu en Fene, leva unha década vivindo en Narón e, tal e como ela mesma asegura, debuxa dende que ten uso de razón coa intención de levar ao espectador a recoñecer a maxia oculta no cotián.

Nos seus máis de vinte anos de experiencia participou en exposicións individuais e colectivas e tamén traballa como monitora de debuxo, pintura e teatro en centros de atención á diversidade e en actividades para todas as idades, o que contribuíu a nutrir a súa obra cunha sensibilidade única. Nos últimos tempos a artista centrouse na acuarela, técnica presente nesta mostra.

Na área de Política Lingüística, tamén este sábado se organizou o obradoiro “O gran xogo da recilaxe”. Os destinatarios son nenos de 6 a 12 anos, un máximo de 15. Durante a actividade, que terá unha duración de hora e media, as familias aprenderán a reciclar, reducindo residuos, diminuíndo o gasto enerxético nos fogares e coñecer a importancia da biodiversidade.

As persoas interesadas poden xa inscribirse, enviando un correo electrónico á dirección: a.pita@naron.es, indicando o nome da actividade, o nome do neno, o nome da nai, pai ou persoa acompañante, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.

A participación será por estrita orde de inscrición.

Lea también

72 persoas participan en Narón nos obradoiros do proxecto municipal aCLIMAtarnos

A Casa da Mocidade acolleu o primeiro dos obradoiros do proxecto “aCLIMAtarnos”, sobre concienciación ambiental …