O concelleiro de Seguridade Cidadá, José Oreona, e a policía Sonia López, responsable do programa de Educación viaria, acompañaron a Pegadas na súa visita ao centro de Domirón.
Alumnado de educación infantil e primeiro de primaria de dez centros de ensino de Narón participou entre os meses de setembro e novembro deste ano na Semana Pegadas, impulsada a través da área de Educación Viaria de Narón. O concelleiro de Seguridade, José Oreona, e Sonia López, policía responsable do programa, visitaron onte o colexio de Domirón, no que tamén se desenvolveu esta iniciativa que rematará a vindeira semana no centro do Feal.
Durante unha semana Pegadas, a mascota de Educación viaria, permanece no centro para recibir ao alumnado e que a coñezan en primeira persoa. “Queremos que nos axude a transmitir unha mensaxe ás nenas e nenos, para que saiban que ir ao colexio caminando, en bici ou en patinete pode ser toda unha aventura”, explicou Oreona.
Con esta finalidade, durante a semana que visita cada centro participante, Pegadas dá a coñecer o programa do seu mesmo nome entre o alumnado e as familias, anímaos a inscribirse no caso de que aínda non o estean, fomenta os desprazamentos a pé, en bici ou patinete e promove os diferentes programas de Educación viaria: o Camiño Escolar, o Bica e Arrinca e os aparcadoiros disuasorios.
Así mesmo, apóstase por incrementar o uso das pulseiras Pegadas -a través das que consiguen puntos cada día que poden canxear por agasallos- e inciden na importancia dos valores da mobilidade activa, segura e sostible. Nesta primeira convocatoria participaron na iniciativa os colexios Jorge Juan, Piñeiros, Ponte de Xuvia, A Gándara, Santiago Apóstol, A Solaina, Ayala, Virxe do Mar, Domirón e O Feal.
Dende o Consistorio recordaron que as familias que desexen inscribirse no programa Pegadas e obter as pulseiras coas que acadar puntos poden facelo a través da páxina: pegadas.naron.gal. “É moi importante trasladar ás nenas e nenos a importancia dunha mobilidade segura e tamén ás familias, e precisamente por este motivo apostamos por este tipo de programas, incentivando aos menores a adquirir hábitos saudables e, ao tempo, implicando ás súas familias”, apuntou Oreona.
O edil naronés destacou o éxito desta iniciativa e agradeceu a colaboración das familias e dos centros de ensino, recalcando que “sen a súa axuda nada disto sería posible”.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
