Programación de actividades deportivas en Fene no Nadal

Un ano máis, a concellería de Deportes de Fene organiza para o Nadal unha serie de propostas de entretemento relacionadas coa actividade física compartida en familia.

A primeira das actividades incluídas no programa é un bautismo solidario de mergullo, que organiza o Club de Actividades Subacuáticas Nautilus coa colaboración do Concello. A maiores, anúnciase un novo Campanadal, clases de patinaxe para persoas adultas e menores e unha nova edición da carreira San Silvestre. E, como novidade, os “Xogos acuáticos en familia” que xa se celebraron en edicións anteriores, amplían horario e prográmanse para todos os días de apertura da piscina durante as festas

A piscina municipal de Centieiras acollerá o sábado 16 de decembro, de 17 a 20 horas, o bautismo de mergullo solidario “Ningún neno/a sen xoguete”, para persoas maiores de 6 anos. A actividade é de balde. O único requisito para participar é aportar un xoguete novo ou de segunda man en bo estado, que se entregará na piscina o mesmo día.

Inscricións até o mércores 14 de decembro no correo daviddeibe@casnautilus.org. Esta actividade encádrase na campaña impulsada pola Federación Española de Actividades Subacuáticas que, en Galicia, están a desenvolver a Federación Galega e o Club de Actividades Subacuáticas Nautilus de Fene

Tamén na piscina, do 26 de decembro ao 7 de xaneiro, todos os días de apertura da instalación e durante todo o seu horario, desenvolveranse os “Xogos acuáticos en familia”, dirixidos a persoas de todas as idades. Neste caso a actividade ten un custo de 3,25€/día para unha persoa adulta (se se ten bono, computarase como 1 baño) e un máximo de 2 menores. Aforo limitado (18 persoas/hora).

O horario de apertura da piscina durante o Nadal, agás festivos, será: de luns a venres, de 9.00 a 13.30 e de 16.00 a 22.00 horas; os sábados, de 9.15 a 13.00 e de 17.00 a 20.00 horas; e os domingos, de 9.15 a 13.00 horas.

As actividades organizadas pola concellaría de Deportes incluirán tamén unha nova edición do campamento deportivo Campanadal, que se desenvolverá no pavillón da Xunqueira de San Valentín os días 26, 27, 28, 29 de decembro, e 2, 3 e 4 de xaneiro, de 10.00 a 13.30 horas. A actividade vai dirixida a nenos/as de 4 a 11 anos (feitos a día 31 de decembro de 2023) e ten un custo de 15,70€.

Neste campus, para o que se establece un límite de 24 prazas, os participantes realizarán actividades variadas por grupos de idade: xogos, manualidades, multideportes, baile, música, contacontos, etc.

O Campanadal coincidirá no mesmo espazo e nos mesmos días, do 26 de decembro ao 4 de xaneiro, coas sesións de Patinaxe para persoas adultas e rapazada maior de 6 anos. Neste caso, o horario será de 10.30 a 11.30 horas. O número de prazas dispoñibles ascende a 30 e o custe da actividade a 6,25€.

O período de inscrición para o Campanadal e para a patinaxe permanecerá aberto do 11 ao 20 de decembro, de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas, nas dependencias administrativas do departamento de Cultura e Deportes (Avda. Naturais de Fene, núm. 44, entrechán).

A programación deportiva de Nadal do Concello Fene completarase cunha nova edición da carreira popular San Silvestre, prevista para o sábado 30 de decembro a partir das 17.00 horas, con saída e chegada do Concello de Fene. En próximas datas achegarase toda a información sobre a proba.

Estas actividades contan coa colaboración da  Deputación da Coruña e Eroski Fene

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …