Formoso defende as renovables e a dixitalización como eixos estratéxicos para o futuro enerxético de Galicia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou na inauguración do congreso Enerdixital, sobre enerxía e dixitalización, que se celebrou na Coruña o xoves 23 e venres 24, no cal diferentes expertos da materia trataron o tema da transición enerxética.

Formoso destacou que Galicia “é un territorio enerxético”, cun enorme potencial nas enerxías renovables. “Somos a segunda comunidade con maior produción eólica do Estado e durante moitos días do ano pasado, suministramos case a metade do consumo nacional”, afirmou.

Segundo indicou o presidente provincial, “o noso obxectivo debe ser avanzar cara a independencia enerxética a través dun modelo de xestión verde, no que a economía circular, a dixitalización e a transición enerxética sexan eixos estratéxicos na nosa provincia”.

“É preciso garantir a viabilidade dos proxectos industriais estratéxicos para o futuro de Galicia, que requiren a garantía de subministro enerxético limpo e a un prezo competitivo, para deste xeito, poder reter o talento e que a nosa xuventude non teña que marchar, despois dun gran esforzo económico e familiar, e desenvolver as súas ideas noutros países do mundo” engadiu.

Por último, indicou que “a Deputación seguirá poñendo o seu grao de area a través de, entre outras cousas, foros como Enerdixital, que facilitan a reflexión sobre o avance das enerxías renovables, cales son as súas dificultades, e como se pode mellorar na súa execución e aplicación aos diferentes ámbitos”.

O Congreso Enerdixital e as diferentes aplicacións da dixitalización

O congreso de Enerdixital está organizado por Cluergal (Clúster de enerxías renovables de Galicia), unha entidade na que teñen cabida os tecnólogos, promotores, distribuidores e outras organizacións relacionadas co sector das enerxías renovables e a sustentabilidade.

O evento conta tamén coa colaboración do Instituto tecnológico de Galicia, ademais do CETIM (Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial), CITMAGA (Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia) e FEUGA (Fundación Empresa – Universidade Galega).

O simposio contou cun total de seis sesións, organizadas entre o citado xoves e venres para falar sobre enerxía e dixitalización, ademais dunha visita ao novo Galaxy Lab da Cidade das TIC.

A primeira sesión do xoves, na xornada de mañá, tivo como temática a Dixitalización en xestión enerxética; a segunda foi sobre Dixitalización en mantemento e xestión enerxética activa e a terceira xirou en torno aDixitalización en iluminación.

Na xornada de tarde realizouse unha visita ao Galaxy Lab, que foi inaugurado esta mesma semana na Cidade das TIC.

A xornada do venres iniciouse coa cuarta sesión, que tivo como tema de conversa a Intelixencia Artificial aplicada ao sector enerxético; a continuación falouse sobre a Dixitalización de redes e Comunidades Enerxéticas e, por último, pecháronse as sesións coa de Dixitalización e transición enerxética en entornos industriais e portuarios.

Lea también

El Colegio Oficial de Gestores Administrativos de Galicia recuerda que el Sistema Verifactu NO es obligatorio

Desde hace semanas, está circulando información errónea sobre el sistema Verifactu, llegando incluso a confundirlo …