As mulleres de Fene toman a palabra polo 25N

A concellaría de igualdade do Concello de Fene organizou no salón de plenos un encontro no que participou unha representación de mulleres das sociedades e entidades locais arredor da conmemoración do 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Durante a xuntanza, mulleres da Sociedade Agarimo de Sillobre, CPS San Valentín, O Pote de Maniños, AETNA de Maniños, CMI Fene, AVV Fene, Liga de Amigos de Barallobre, AVV de Sillobre, AVV Santa Eulalia de Limodre, AVV San Xurxo de Magalofes e CCRD de Perlío compartiron impresións sobre a campaña que está a desenvolver o Concello de Fene polo 25N, ao tempo que participaron na gravación dun vídeo que sairá á luz o propio sábado 25 de novembro.

A concelleira de igualdade, Sandra Permuy, destacou o papel que xogan os concellos na posta en marcha de ferramentas para a prevención da violencia machista. “Encontros como o que vimos de organizar en Fene contribúen a establecer redes de sororidade entre as mulleres, que permiten avanzar na educación e concienciación contra a lacra do machismo”.

Campaña coa hostalería

O Concello de Fene tamén puxo en marcha neste 25N unha campaña destinada á hostalería local, baixo o lema “Se tes medo é maltrato”, na que se fai un chamamento directo ás mulleres que poidan estar a sufrir situacións de violencia a romper co círculo do maltrato.

“Os locais de hostalería son habitualmente o primeiro lugar ao que poden dirixirse as mulleres vítimas de maltrato ou agresións para pedir axuda, polo que o compromiso e a colaboración do sector é fundamental para poder ofrecer unha primeira atención” indicou Permuy, quen destacou a boa acollida que está a ter a campaña no conxunto da hostalería fenesa.

“É fundamental que cada vez haxa máis xente que colabore, coñeza a os recursos e saiba como actuar ante unha situación de agresión”, concluíu a concelleira.

Nos locais participantes na campaña o Concello de Fene está a instalar cartelaría que os identifica como lugares seguros nos que poder pedir axuda en caso de necesitala.

Lea también

O acendido en As Pontes da iluminación inicia a programación de Nadal

A programación de Nadal do Concello das Pontes arranca este domingo 8 de decembro, ás …