A deputada de Normalización Lingüística, Soledad Agra, asinou un convenio de colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística e coa Agrupación Cultural Correlingua para o financiamento dos proxectos “A liña do galego” con 34.000€ e “Na casa, na escola, bota a lingua fóra!”, con 20.000€ respectivamente.
O obxectivo destes convenios é contriuir, dende a entidade provincial, á normalización da lingua galega e fomentar o seu uso, mediante o apoio a iniciativas sociais normalizadoras, así como á existencia e difusión de contidos en lingua galega.
A Mesa pola Normalización Lingüística
No caso de A MESA, unha entidade que traballa na defensa dos dereitos lingüísticos e fomento da lingua galega, a área de Normalización Lingüística da Deputación financia o 80% do programa “A liña do galego”, unha ferramenta que por vía telefónica, e tamén a través da App “A liña do galego”, ofrece a toda a poboación a posibilidade de avanzar no dereito a vivir en galego dunha forma sinxela, rápida, segura e cómoda.
Este servizo tramita consultas, queixas e parabéns en temas relacionados cos dereitos lingüísticos, co obxectivo de romper a normalidade e impunidade da exclusión do galego
Asociación cultural Correlingua
Por outro lado, a entidade provincipal apoia ao Correlingua no seu obxectivo de incentivar o uso oral do galego e polo tanto a súa normalización como medio de comunicación habitual entre a xente nova. Faino a través da subvención dun 60,20% do programa “Na casa, na escola, bota a lingua fóra!” que acolle diversas actividades en prol do idioma por Galicia, cun carácter lúdico, educativo e reivindicativo.
Este proxecto convida á mocidade, alumnado e centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito de medrar en galego e tamén exercer de maneira efectiva o uso do noso idioma como única forma de garantir o seu futuro.
A área de Normalización lingüística da Deputación avanza, así, na consecución dos seus obxectivos de normalización e fomento do noso idioma, colaborando con diferentes entidades de referencia que traballan para alcanzar este mesmo obxectivo.