O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol acolle o 73 Congreso da Sociedade de Pediatría de Galicia. Esta mañá de venres profesionais da Área Sanitaria de Ferrol desenvolveron talleres no Hospital Naval do Complexo;e os simposios, mesas, conferencias e comunicacións no Hospital Arquitecto Marcide, desenrólanse o longo deste venres 10 e mañá sábado 11.
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, inaugurando, xunto ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o Congreso da Sopega, destacou o labor do equipo pediátrico da área sanitaria de Ferrol e a importancia da celebración deste tipo de citas nas que “se dá a coñecer de xeito directo as actvidades que se fan en cada uns dous centros hospitalarios galegos”. Así mesmo, agradeceu o traballo de Sopega representando aos pediatras galegos.
Un total de 150 profesionais están inscritos neste encontro onde se actualizarán en diabetes e infeccións de transmisión sexual na adolescencia; falarán sobre o chanzo da Biga Data á Intelixencia artificial; desenvolven un simposio sobre as enfermidades raras e cando o pediatra ten que pensar nelas; e unha mesa sobre a actualización das enfermidades infecciosas en pediatría, con especial atención ó simposio sobre o manexo da asma grave en pediatría.
Xunto con isto, profesionais da ASF están a desenvolver esta mañá talleres interactivos específicos que abordan a dermatoloxía, a diabetes, a oftalmoloxía e a canalización venosa periférica ecoguiada en pediatría. Nestas estacións de traballo, teñen cabida tamén residentes e profesionais de Enfermaría, e non só especialistas ne pediatría. Pola sua
banda, a Enfermaría achega as ferramentas de ecografía para a canalización venosa e como facela máis doada e segura. Inclúense as patoloxías de maior prevaleza e maior motivo nas consultas, como os casos clínicos en Dermatoloxía, un dos talleres con presenza máis numerosa.
Pediatras da Área falan tamén de educación diabetolóxica, de plataformas de intelixencia artificial e dos avances tecnolóxicos más importantes e os dispositivos de autocontrol e tratamento no eido da diabete. Destacar que na Área Sanitaria de Ferrol ó redor de 45 nenos e nenas empregan xa a monitorización continua de glucosa domiciliaria, co que coñecen os seus niveis de glucosa en tempo real a través dun sensor que lles axuda a decidir en relación coa comida e e previr hipoglucemias, imprimindo maior calidade ó seu control.
Neste taller tamén se fai referencia á incorporación dos sistemas integrados automáticos que fan as funcións dun páncreas infundindo a insulina de xeito subcutáneo. “Nos últimos cinco anos incorporáronse moitos tratamentos inmunomoduladores nas terapias diabetolóxicas, e é moi importante poñerse ó día”, explican José Luaces González e Maravillas Santos Tapia, especialistas de Pediatría na ASF, e organizadores do Congreso.
Actualización, novas terapias e prevención
A mesa da actualización pediátrica céntrase de novo na diabetes; e, tamén na actualidade no síndrome hemolítico urémico atípico, que é unha das denominadas enfermidades raras, pero que ten tratamentos novedosos e eficaces, polo que a actualización implica unha maior capacidade de detección para poder actuar. Sobre as enfermidades raras
desenvólvese un simposio completo.
No que se refire, ás Enfermidades de Transmisión Sexual, indica o responsable de Pediatría da Área Sanitaria de Ferrol, José Luaces, “que se lle dedica un espazo porque antes non era unha cuestión que trataran os pediatras, pero cada vez as relacións sexuais son máis precoces, polo que aínda que a casuística non é elevada, si é bo ir actualizándose e preparándose”.
No que se refire ás enfermidades infecciosas, das máis prevalentes nos máis pequenos, abordan a achega da Microbioloxía no diagnóstico da infección na poboación pediátrica e as novidades diagnósticas. Xunto con isto, “o novo arsenal terapéutico preventivo, como a profilaxe ou os tratamentos monoclonais”. Neste eido, destacar a incorporación nestes meses da profilaxe do VRS, o Virus Respiratorio Sinticial, causante da maior parte das complicacións respiratorias dos máis pequenos, e que se administrou xa a 397 nenos e nenas da Área, case a totalidade dos previstos na campaña específica. Na actualidade, a protección fronte este virus xa está incorporada nas rutinas tralo nacemento.
Por último, destacar igualmente a especial atención que os especialistas de Pediatría de Galicia reunidos en Ferrol lle dedican á asma grave, moi prevalente e con novas combinacións de fármacos, ou coa posibilidade de emprego de biolóxicos nos casos máis graves
.