O pallaso Peter Punk e o músico Brais das Hortas embarcáronse hai uns anos no proxecto “Punk Infantil”, que deu como resultado un disco e un espectáculo ao vivo dirixido a público familiar, principalmente á rapazada.
A parella artística chegará este sábado 28 a San Sadurniño para ofrecer na Casa da Cultura o seu show de música e humor, con entradas a 9,58€ con desconto do 50% co Carné Xove e pensionistas, que xa poden reservarse a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal e no 616 332 919. “Punk Infantil” forma parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Ademais desta proposta, o día dará para máis, co obradoiro ambiental «Terra de Vida» previsto pola mañá e o magosto do serán organizado por O Castelo de Narahío, que tamén inclúe actividades para a rapazada.
Tal e como se apunta na ficha de Charlatana, a compañía promotora, “Punk Infantil” pretende fomentar entre os nenos a liberdade de pensamento, a creatividade e unha certa rebeldía crítica.
A través da música, con pezas como “Chungo que te cagas”, “O oso do Courel”, “Son a publicidá” ou “Vou facer un pis” ambos artistas van compoñendo unha historia moi entretida, participativa e cargada de humor que durante algo máis dunha hora.
Aínda hai prazas dispoñibles para «Terra de Vida»
Na xornada deste sábado 28 de outubro , pola mañá a partir das 11:00h tamén hai organizada outra actividade para facer en familia. Neste caso trátase do itinerario ambiental e cultural «Terra de Vida» que percorrerá os espazos verdes da Cortiña e dos xardíns municipais con obradoiros adaptados á curiosidade de grandes e xente miúda.
No paseo xa hai inscritas 19 persoas, de maneira que aínda quedarían dispoñibles outras seis prazas. Para participar nesta experiencia que nos somerxe na natureza máis próxima ao centro urbano de San Sadurniño só hai que chamar ao 604 033 515 -en horario de mañá- ou enviar un correo a paola@rexenerando.com.
O prezo da actividade é de 6€ no caso de menores de 14 anos e de 9€ desa idade en diante.
A cooperativa Rexenerando, que colabora co Concello na difusión do patrimonio verde das ribeiras do Xubia, informa, porén, de que o desenvolvemento do percorrido vai depender das previsións do tempo, polo que no caso de que se anuncien chuvias pasaríase para outra data.
Por último tamén recordamos que o sábado ás 19:30h terá lugar no local social da Veiga, en Naraío, o espectáculo de monicreques «O Espantamedos» de Fantoches Baj, con entrada libre. A entrada é gratuíta e encádrase no magosto da AVV O Castelo de Narahío.