A convivencia intercultural chega á literatura a través de Burela e do Ortegal

A convivencia intercultural chega á literatura a través de Burela e do Ortegal. Burela é o título da obra narrativa que acaba de ver a luz. O seu autor, o escritor e académico Efigênio Moura; a primeira edición, xa nas librarías, é a da editora galega Através.

Foto cedida

O libro presentarase o vindeiro sábado 28 de novembro de 2026, ás 12:00 horas, na Sala de Plenos do Concello; e no mercado de Nadal, que se celebra durante a tarde deste próximo sábado, o propio autor estará asinando libros de 19:00 a 20:00 horas. Esta xira galega contempla tamén a visita á comarca do Ortegal e unha presentación na Escola Oficial de Idiomas de Ferrol, ás 6 da tarde do próximo día 30.

A novela, ambientada nesta vila mariñeira da costa cantábrica, segue a Sabela, que vai perdendo pouco a pouco o control do seu corpo, da súa fala e dos seus recordos. Os seus días xiran arredor dun barco que leva o seu nome, dos coidados pacientes de Titina, unha coidadora caboverdiana, e dunha garza que só ela pode ver. Só unha cousa resiste: o amor que gardou en silencio durante toda a vida.

As rúas do casco urbano (especialmente a Beiramar e a de Castrelo), o Hospital da Mariña, o Cantiño, a Areoura, o paseo da Marosa, a Vila do Medio e o Monte Castelo son algúns dos lugares en que están ambientadas as diferentes pasaxes, algunhas delas coa participación de Fito e Canero, da escola infantil de Lola e Teresa, de Titina, do Almacén do Peixe, da panadería González e da pastelaría de Kiko. Ten tamén especial protagonismo o tecido cultural de Cariño, onde desde 1978 se proxectou a cultura galega escrita entre outros lugares a Burela.

Foto cedida

Efigênio Moura naceu en 1965 en Monteiro, no estado brasileiro de Paraíba. Desde a súa estrea en 2009 publicou 19 libros, entre novelas, contos e literatura infantil e xuvenil, e é membro de varias academias literarias e históricas. Para escribir Burela inspirouse nas vilas pesqueiras do seu Nordeste natal e en contactos galegos, entre eles o músico Xico de Cariño, a quen coñeceu nunha xira do artista galego polo nordeste brasileiro.

«É un orgullo que Burela dea título a unha novela e que as nosas rúas, os nosos lugares e a nosa xente aparezan retratados nas súas páxinas. Este libro reflicte moi ben o que somos; unha vila mariñeira, aberta e diversa, onde persoas de moitas orixes conviven e constrúen comunidade», sinala o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Inmigración e Cooperación, Mario Pillado.

«Que un escritor brasileiro elixa Burela para contar unha historia na que a convivencia intercultural ten un papel tan importante demostra que a nosa identidade traspasa fronteiras. Animamos a toda a veciñanza a achegarse o sábado á presentación para coñecer o autor e descubrir esta Burela literaria», engade Pillado.

A concelleira de Cultura, Lina Gómez, destacou que «É unha iniciativa que nos fai especial ilusión, porque permite unir cultura, literatura e dinamización do noso mercado, achegando tamén propostas culturais á veciñanza».

Lea también

«A cor do Atlántico», a exposición de Bronwen Sarah Griffith no Ateneo Ferrolán

  A través dos seus lenzos, a artista achéganos á forza e á beleza do …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Responsable: Galicia Artabra Comunicaciones, S.L. Finalidad: gestionar su comentario. Legitimación: su consentimiento. Derechos: acceso, rectificación, supresión y otros, según la política de privacidad.