Este venres 27 de outubro clausúrase no museo fenés a exposición “40 aniversario da revista Can sen dono”, promovida polo Museo do Humor Xaquín Marín e a concellería de Cultura de Fene, coa colaboración da Biblioteca de Galicia – Xunta de Galicia.
O programa contempla unha visita guiada á mostra, ás 18 horas, e unha charla, ás 20 horas, sobre os fanzines dos anos oitenta, xa que Can sen dono aparece en Galicia en plena efervescencia de fanzines e follas voandeiras como Fat City, El patito feo, Bitácora 43 ou O ollaparo.
A conferencia correrá a cargo da profesora e escritora Rosa Cal, autora da tese doutoral “La prensa alternativa en la zona no urbana de Galicia (1975-1984)” e tamén contará coa participación do comisario da mostra, Paco Oti, e da actriz Mabel Rivera, promotores nos anos oitenta dun fanzine no seo da factoría fenesa Astano. Ambas as dúas actividades seran con entrada libre e de balde.
A exposición “400 aniversario da revista Can sen dono” amosarase no Museo do Humor Xaquín Marín de Fene até o venres, en horario de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas. Na mostra pode verse unha compilación de debuxos orixinais, acetatos e recortes empregados na composición das páxinas da revista. Tamén se amosan reproducións das vinte e tres portadas e dos catro especiais publicados de Can sen dono, xunto con correspondencia orixinal e referencias bibliográficas.
Can sen dono
A finais de 1982, na contorna do Primeiro Seminario Galego do Humor, celebrado no Museo Carlos Maside de Sada, e baixo o acubillo de Isaac Díaz Pardo, un grupo de debuxantes de Vigo presentaba o proxecto editorial dunha revista galega de humor que se ía denominar “Can sen dono”.
A publicación foi unha realidade en 1983, ano no que ve a luz o seu número cero, coa dirección de Pepe Carreiro, coordinación de Gogue e edición de Antón Mascato.
Desde esta data ate 1989 (e con 23 números publicados e catro extraordinarios), máis de medio cento de humoristas gráficos e tamén algúns humoristas literarios chegaron a participar nesta revista satírica galega que agora, corenta anos despois, o Museo do Humor Xaquín Marín lembra nas súas instalacións.