A campaña de recollida de alimentos organizada polo Concello e a asociación Centro de Recursos Solidarios desenvolverase esta semana, o venres e o sábado, en catro establecementos de alimentación da cidade, que se implicaron tamén nesta iniciativa. A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, explicou que este mércores quedou instalado un punto no acceso ao Concello que estará operativo este xoves e o venres, na planta baixa, onde se poderán doar alimentos non perecedoiros destinados ao Centro de Recursos Solidarios.
A maiores, tal e como indicou, poderase doar tamén no Eroski da Gándara, no Centro Comercial Narón e nos establecementos de Lidl na
Gándara e no Boial e na Cooperativa do Val. O horario no que se realizarán as recollidas serán de 10.30 a 13.00 e dende as 17.00 ata as 19.00 horas, nestes establecementos nas xornadas do venres e o sábado.
Dende o Centro de Recursos Solidarios de Narón o seu presidente, José Manuel González, especificou que, preferentemente se depositen nos puntos habilitados alimentos como leite, aceite, galletas, legumes e conservas, por ser nos que se rexistra unha maior demanda.
A través desta nova campaña ofrecerase axuda a máis dun cento de familias que cada mes reciben alimentos e produtos de hixiene dende o Centro de Recursos Solidarios de Narón, ubicado no polígono da Gándara.
A edil de Benestar Social agradeceu de antemán todas as doazóns que se poidan realizar, incidindo na “gran solidariedade que neste tipo de iniciativas amosa sempre a cidadanía de Narón e doutros concellos que se suman a este tipo de campañas, tan necesarias para poder axudar ás familias máis vulnerables”. María Lorenzo agradeceu o labor da asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón, a do persoal voluntario que colabora habitualmente coa entidade e tamén a implicación dos establecementos de alimentación que participarán nesta campaña.