O BNG celebra o I Encontro de Concelleiros da Comarca

O BNG comarcal celebrou nesta fin de semana o primeiro encontro de concelleiros, logo das eleccións municipais celebradas o pasado mes de maio, nos que a organización experimentou un importante avance na representación municipal, consolidando as alcaldías de Fene, Moeche e San Sadurniño; entrando a formar parte do goberno municipal de Cedeira, ampliando a representación na maioría dos concellos da comarca e logrando representación en Ortigueira, As Somozas ou Vilarmaior.

Un encontro que tiña por obxecto deseñar a estratexia de traballo na área municipal nos diversos concellos da comarca e fixar as iniciativas que se van desenvolver a curto e medio prazo, partindo da premisa de que os concellos constitúen o primeiro e decisivo chanzo en que o BNG pode desenvolver políticas nacionalistas e verdadeiramente transformadoras, que melloren a vida das clases populares, que contribúan para facer medrar a cohesión social e implicarse na defensa da Galiza, da nosa lingua, da nosa cultura, da democracia e dos dereitos nacionais do noso País.

Partindo desa idea, neste encontro valorouse a necesidade de afrontar, alén das propostas para mellorar a calidade de vida e os servizos no ámbito municipal, iniciativas que superen o ámbito local e afronten propostas que aborden problemáticas que afectan ao conxunto dos concellos do ámbito comarcal: emprego, sanidade, infraestruturas, servizos sociais, etc.

Precisamente, nesa liña, o BNG presentou a pasada semana unha moción (aprobada xa en Cedeira, San Sadurniño, Cariño e Ortigueira ) para que os plenos municipais se posicionen ao respecto do caos que está a vivir o transporte na nosa comarca; exixindo da Xunta medidas concretas que garantan un transporte público e de calidade para a veciñanza dos concellos da comarca.

Logo do éxito deste I Encontro de Concelleiros, a formación frontista comarcal xa está a traballar na celebración das próximas xuntanzas, que terán un carácter máis monográfico para abordar temáticas específicas que xurdiron na reunión.

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …