O Concello de San Sadurniño colabora con Vacacións en Paz cunha axuda de 1790€

Vacacións en Paz é un proxecto de acollida temporal de nenos saharauís durante os meses de xullo e agosto coa finalidade de contribuír ao desenvolvemento deste pobo exiliado e á mellora da calidade de vida e da educación intercultural da súa rapazada.

O Concello de San Sadurniño volveu colaborar este ano con esta iniciativa impulsada pola entidade Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, cunha achega de 1790 euros cos que se sufragou a viaxe de ida e volta dos dous nenos que estiveron no verán en San Sadurniño. A cooperación municipal con Vacacións en Paz ratificouse hai escasos días coa sinatura do correspondente convenio rubricado polo alcalde, Secundino García, e a presidenta do colectivo, Maite Isla.

No texto apúntase que unha das finalidades do acollento temporal en Galicia é que os nenos non teñan que permanecer nos campamentos de refuxio de Tindouf nos meses de máis calor do verán «con temperaturas en ocasións de 50 graos», ademais de proporcionarlles asistencia médica e mellorar a súa alimentación.

Porén,  Vacacións en Paz preséntanse «nun marco de solidariedade e axuda desinteresada» que lle ofreza á rapazada saharauí «unha estadía agradable e humanamente rica» que lles permita coñecer «formas distintas de vida, de maneira que se contribúa non só á súa formación, senón tamén a mellorar a comunicación e o entendemento entre o noso pobo e o pobo Saharauí».

Baixo esta premisa, o programa de acollemento e intercambio persegue, entre outros obxectivos máis específicos, a aprendizaxe do idioma, a promoción dos valores de tolerancia e solidariedade e a reivindicación «do dereito dos nenos e nenas saharauís a vivir no Sáhara Occidental e poñer de manifesto a situación na que se encontran actualmente», marcada pola falla de recoñecemento internacional malia os acordos da ONU, así como pola represión exercida por Marrocos desde que en 1975 o Estado Español abandonase á súa sorte a antiga colonia a raíz da invasión coñecida como «Marcha verde».

Vacacións en Paz ten aberta durante todo o ano a convocatoria para que as familias se sumen aos acollementos estivais, que supoñen correr cos gastos da estadía da rapazada e unha pequena contribución ao funcionamento da SOGAPS.

O Concello, a través do convenio asinado a semana pasada, asumiu este ano o importe dos billetes de ida e volta desde Tindouf dos dous nenos que estiveron en San Sadurniño convivindo coa familia de Manuel Romero, quen leva 17 anos participando no programa ademais de ser vicepresidente provincial da asociación.

Todas aquelas persoas interesadas en participar nas Vacacións en Paz de 2024 poden contactar coa SOGAPS a través deste formulario en liña.

Lea también

Un taxista logra salvarse, a nado, tras precipitarse su coche al mar en As Pías, Fene

Sobre las doce y veinticinco de este jueves, día 21, saltaron todas las alarmas al …